XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno ratifica o convenio para o financiamento do estatuto da capitalidade

18/07/2011 Tras a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia, o convenio para financiar o estatuto da capitalidade de Santiago foi ratificado pola Xunta de Goberno Local. En virtude do mesmo, o Concello recibirá 2,7 millóns de euros neste exercicio 2011.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, estes 2,7 millóns de euros, que Santiago percibe polos servizos que presta como capital de Galicia, serán ingresados nas arcas municipais en tres prazos: o primeiro antes do 30 de xullo, o segundo en setembro e o terceiro en decembro.

Outro convenio ratificado polo Goberno local na súa reunión ordinaria foi o asinado co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), por 80.000 euros, para o funcionamento da oficina de rehabilitación. Este importe destínase fundamentalmente a gastos de persoal.

Xa en materia de mobilidade e tráfico, acordouse prorrogar o contrato do servizo da grúa, por un prazo máximo de seis meses. Esta extensión faise necesaria ata que se resolva a nova adxudicación do servizo, actualmente en tramitación.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a creación dunha comisión avaliadora que estudará as axudas ao pequeno comercio. Disponse dun total de 44.752 euros para estas subvencións. Os establecementos interesados poden optar ao financiamento de ata o 75% do seu proxecto, cun máximo de 20.000 euros.

Ademais, deuse conta da concesión de dúas subvencións pola Deputación da Coruña en materia de benestar social. A primeira, por 45.000 euros e incluída nos programa de intervención sociocomunitaria, será destinada polo Concello á iniciativa de Educación de Rúa. A outra, de 6.000 euros, financiará os obradoiros de memoria para maiores no marco do programa Mente Activa.

Finalmente, no ámbito dos deportes, concedeuse o uso de balde das instalacións deportivas de San Lázaro e Santa Isabel aos equipos masculino e feminino da SD Compostela, á SD Grixoa e ao Santiago CF.

Documentos relacionados



Compartir: