CONSORCIO

Vinte e catro canteiros amosaron a súa pericia na talla dunha lousa de granito

16/07/2011 No marco das iniciativas encamiñadas á difusión e revalorización dos oficios relacionados coa rehabilitación, o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral de la Construcción convocaron o III Concurso Canteiros no Obradoiro, que tivo na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, enmarcado na programación do 800 Aniversario da Catedral de Santiago de Compostela.

Partindo dunha prancha irregular de granito de 80x50x20, 24 canteiros demostraron a súa destreza á hora de tallar unha lousa de granito, similar ás que conforman o pavimento da Cidade Histórica de Santiago. O primeiro premio, de 1.500 euros, foi para Jorge Martínez Rivas, de Brión (A Coruña). José Crespo Calviño, de Pontevea (A Coruña), recibiu un segundo premio de 600 euros e Francisco Cao, da Estrada, un terceiro de 400 euros. Tamén se entregaron tres accésit, que foron para José Manuel Pérez Fontán, de Pontevedra, Daniel Soutullo Sampedro, de Sanxenxo e Vicente Travieso, de Santiago de Compostela.

O gañador recibiu o premio de mans do presidente do Consorcio de Santiago e alcalde, Xerardo Conde Roa. A continuación, o canteiro procedeu a marcar coa súa sinatura a pedra que o fixo gañador e que será empregada nos traballos de mantemento dos pavimentos da Cidade Histórica de Santiago.

O xurado tivo en conta, ademais do tempo empregado, a corrección na elaboración dos diferentes planos e dimensións, a corrección nos acabados, o emprego correcto das ferramentas, o cumprimento das medidas de seguridade, a ergonomía no traballo, así como a organización e limpeza do posto de traballo.

O concurso devolveu por unha xornada a praza do Obradoiro á súa función orixinal e que lle deu nome, é dicir, a de "obradoiro" de canteiros que traballaban na construción da catedral.

Canteiros no Obradoiro enmárcase nas iniciativas encamiñadas á difusión e revalorización dos oficios relacionados coa rehabilitación promovidos polo Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral de la Construcción e vincúlase de forma especial ao programa A pedra que pisas, posto en marcha en 2007 polo Consorcio de Santiago para o mantemento e conservación dos lousados da Cidade Histórica.

Neste sentido, compre salientar o convenio asinado este ano entre o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construcción, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento polo cal Santiago será a sede do Centro Nacional de referencia en Materia de Rehabilitación, destinado á formación de traballadores da construción en oficios vinculados á rehabilitación e ao mantemento de edificios e espazos públicos.

Compartir: