ALCALDÍA

O Concello ratifica o seu apoio ao Club Financeiro de Santiago para iniciar a construción da súa sede en San Lázaro

07/07/2011 A construción da sede física para o Club Financeiro de Santiago está máis preto de converterse en realidade. Así o manifestou o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, quen se comprometeu a facilitar a cesión dos terreos una vez constituída a Fundación da entidade empresarial e levada a solicitude ao Pleno.

Roberto Pereira, presidente do Club Financeiro de Santiago, expresou a súa intención de constituír este mesmo mes a Fundación Club Financeiro de Santiago para solicitar formalmente a cesión dos terreos en San Lázaro. Unha vez realizada a petición formal no Concello, o alcalde confía en abordalo antes de fin de ano.

Entre os accionistas promotores do Club Financeiro compostelán atópanse Blu:sens, Castromil, Carrocera Castrosúa, Espina y Delfín, Grupo Brea, Pérez Rumbao, Pousadas de Compostela, Puentes y Calzadas, entre outros.
O Club Financeiro de Santiago nace non só coa intención de converterse en centro de negocios e servizos, senón como punto xerador de iniciativas para facer prevalecer os intereses de Santiago e da súa ampla comarca.

O novo centro de servizos estará dotado de despachos para uso ocasional con medios humanos e ofimáticos, salas de reunións, biblioteca, auditorio… Tamén contará con área de hostalería, cafetería, restaurante con menús de traballo e á carta e comedores privados. Igualmente, está prevista unha zona de coidado persoal, con ximnasio, piscina, salas de masaxes e de perruquería, etc.

O futuro edificio contará con facilidades de aparcamento, xa que se atopará en San Lázaro, próximo aos edificios administrativos da Xunta, dos parques empresariais e dos accesos dende calquera punto de Galicia, a autopista do Atlántico e a circunvalación periférica.

Por todo isto, o Club Financeiro de Santiago está chamado a converterse no gran centro empresarial de referencia en Galicia e, como tal, está aberto a todo o ámbito empresarial galego. Unha vez superado este primeiro paso, os promotores abrirán unha campaña de captación de socios para ampliar a súa rede de accionistas.

Compartir: