ALCALDÍA

O Goberno municipal garante a presenza da oposición no Consorcio de Santiago

07/07/2011 Unha vez reunida a Xunta de Voceiros municipais, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, anunciou que "os dous grupos municipais da oposición van ter representación no Consorcio de Santiago". Na xuntanza falouse do nomeamento de representantes en organismos supramunicipais, organismos autónomos e empresas públicas, así como da composición das diferentes comisións. Esta será unha cuestión que se aprobará no Pleno extraordinario previsto para a tarde desta mesma xornada, a partir das 18:30 horas.

Conde Roa apuntou que con esta presenza da oposición no Consorcio "dáse cumprimento a un acordo que adquirimos cos cidadáns de Santiago na campaña electoral, co obxecto de aumentar a transparencia e o control democrático que xa se exerce, debuxando un escenario profundamente ao existente anteriormente". Segundo indicou, esta decisión "demostra que seguimos afondando na democratización do Concello".

Respecto ao reparto de representantes no resto de órganos, afirmou que unicamente "quedan unhas pequenas cuestións de matiz por aclarar, pero creo que no vai haber grandes problemas", o que ao seu xuízo manifesta "a intención do grupo de Goberno por querer chegar a acordos".

Explicou que "hai algúns órganos nos que non é que non queiramos que estea a oposición, senón que hai limitacións estatutarias; noutros, o que faremos, se é posible, é aumentar a representación". En calquera caso, o rexedor municipal cre que "podemos chegar a un acordo, se non na súa totalidade, si nos aspectos máis importantes".

"Cremos que o trato que o Goberno da á oposición municipal é absolutamente coherente. Queremos que haxa unha oposición con medios, porque unha boa oposición é necesaria para que exista un bo goberno", concluíu.

Compartir: