ALCALDÍA

A redución de dedicacións exclusivas e persoal de confianza permitirá aforrar case dous millóns de euros en toda a lexislatura

06/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, confirmou, como xa anunciara, a redución dun 30% do persoal de confianza dos grupos municipais e nas dedicacións exclusivas de concelleiros. Esta minoración traducirase nun aforro total de case dous millóns de euros en toda a lexislatura, cantidade que o Goberno municipal destinará a obras de mellora no medio rural.

Segundo explicou Conde Roa, este aforro en persoal de confianza do Goberno cuantifícase en 240.071,98 euros ao ano, ata un total de 960.287,92 euros no total da lexislatura. O aforro na oposición será de 28.357,34 euros/ano, sendo no conxunto da lexislatura de 153.429,36 euros. A suma total do aforro en persoal de confianza alcanza os 1.113.771,28 euros.

A esta cantidade hai que engadir os 852.725,92 euros de aforro como consecuencia da redución das dedicacións exclusivas dos concelleiros, a razón de 213.181,48 euros/ano. A suma das minoracións en dedicacións exclusivas máis persoal de confianza deixa un aforro total na lexislatura de 1.966.497,20 euros e de 213.181,48 euros cada ano.

O alcalde lembrou que das 17 dedicacións exclusivas de concelleiros da anterior lexislatura (14 do Goberno e 3 da oposición) pasaranse a 14. Mantéñense as 3 da oposición e o Goberno terá unicamente 11. A redución provén do feito de que o Goberno ten un concelleiro menos respecto a anterior etapa e de que dous concelleiros non terán dedicación exclusiva. Estes serán Albino Vázquez e Paula Prado, cuxos salarios dependerán, respectivamente da Deputación da Coruña e do Parlamento de Galicia.

En canto aos asesores ou persoal de confianza, na anterior lexislatura había 20, dos que 16 estaban asignados ao Goberno e 4 á oposición. Na nova lexislatura, o Goberno terá 11 e a oposición 3.

Este aforro de case dous millóns de euros será destinado a obras para "mellorar a calidade de vida do rural", apuntou Conde Roa. Así, indicou coma un dos seus obxectivos levar os servizos básicos, coma o abastecemento e o saneamento, ás parroquias do rural.

Xunta de Goberno Local
O rexedor municipal aproveitou a rolda de prensa para dar conta tamén do decreto de nomeamento dos integrantes da Xunta de Goberno Local, órgano que a partir de agora celebrará as súas sesións ordinarias os luns ás 10:00 horas. Xerardo Conde Roa presidirá unha Xunta de Goberno que tamén formarán parte Paula Prado, Reyes Leis, Ángel Currás, Cecilia Sierra, María Pardo, Albino Vázquez, Amelia González e María Castelao.

Pleno extraordinario
A fixación do número e características do persoal eventual e o réxime de dedicacións exclusivas serán dous dos puntos da orde do día da sesión extraordinaria e urxente do Pleno municipal que se celebrará o xoves 7 de xullo a partir das 18:30 horas.

Nesta mesma sesión abordarase a creación e composición das comisións, así como o nomeamento de representantes en organismos supramunicipais, organismos autónomos, fundacións, empresas públicas, sociedades mixtas e consellos sectoriais de actuación municipal. Tamén se dará conta da constitución dos grupos municipais e das resolucións da Alcaldía en materia de delegacións.

Compartir: