ALCALDÍA

Gerardo Conde Roa participou en Lugo nos actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

03/07/2011 Lugo acolleu os actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha cerimonia que se repite cada ano nesta cidade dende 1700. O alcalde compostelán, Gerardo Conde Roa, participou nesta celebración.

En representación das sete cidades do Antigo Reino de Galicia, a Ofrenda correspondeulle nesta ocasión ao alcalde de Betanzos, José Ramón García Vázquez. Á invocación respondeu o arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

Antes da Ofrenda, o alcalde de Lugo, José López Orozco, recibira na Casa do Concello ao rexedor compostelán, Gerardo Conde Roa, e aos demais representantes das sete cidades, así como ao resto de autoridades que asistiron á cerimonia. Ademais dos alcaldes santiagués e lugués participaron nos actos os tenentes de alcalde da Coruña, Julio Antonio Flores Pérez; de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, e de Mondoñedo, Modesto Díaz García, así coma o concelleiro de Ourense, Antonio Rodríguez Penín. Tamén asistiron o xeneral xefe da Forza Loxística Operativa, Juan Enrique A. Hernández-Lastras; o contralmirante xefe do Arsenal de Ferrol, Francisco José Cortés Uría; o vicepresidente do Parlamento, José Manuel Balseiro; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Angel Cadenas Sobreira; o conselleiro maior de Contas, Luciano Fariñas Busto; o Valedor do Pobo, Benigno López González; e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long; así coma o presidente da Deputación de Lugo; José Ramón Gómez Besteiro, e os vicepresidentes das Deputacións da Coruña, Antonio Lagares Pérez, de Ourense, José Manuel Freire Couto, e de Pontevedra, José Crespo Iglesias, entre outras autoridades.

Durante os actos relixiosos, o alcalde de Betanzos leu a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, na que dixo que "estar hoxe aquí unidos é un símbolo antigo dun país ancestral que, a pesar de selo, precisa lembrar e sementar ano tras ano a idea da galeguidade como un valor de fe e de confianza no porvir. Unha galeguidade acolledora, harmonizadora cos demais pobos de España, de Europa e do mundo, pero que se nega a diluírse no océano da globalización".

Tamén destacou que "vivimos unha crise de moitos tentáculos e dunha fondura insospeitada, un cambio xigantesco, porque non soamente se trata dun problema conxuntural das altas finanzas como nos din, senón que por debaixo está a substitutición de todo un sistema enerxético que xa non dá á humanidade respostas fiables de futuro. Pero ademais, está a crise de valores que fai que quizais o que nos salvou no pasado xa non nos sirva agora. Temos que adaptarnos, investigar, explorar outros camiños, sacar o mellor de nós, e por iso é tan importante estar xuntos e imprescindible que afastemos dunha vez por todas as pequenas cousas que nos separan".

O arcebispo de Santiago, que presidiu os actos relixiosos, nos que tamén participaron os bispos das dioceses de Galicia, foi o encargado de responder á Ofrenda. Destacou na súa resposta que "o amor é a forza máis revolucionaria para transforar a nosa vida e a realidade do mundo, lonxe da corrupción económica, do conformismo e de actitudes inoperantes". Ademais, salientou que "cando non se respecta a xustiza e non se vive a caridade, xérase un proceso de deshumanización e de despersonalización" e engadiu que "nun momento de forte crise humana e cultural é necesario crear puntos luminosos de humanidade nova".

Compartir: