ALCALDÍA

Gerardo Conde Roa anuncia unha redución do 3% do seu salario como alcalde na toma de posesión da nova Corporación

01/07/2011 Gerardo Conde Roa será o alcalde de Santiago na lexislatura 2011-2015, tras ser elixido por maioría absoluta, con 13 votos favorables, na sesión constitutiva da nova Corporación. No seu discurso de investidura anunciou, entre outras medidas de goberno, a redución do seu salario nun 3% e o seu compromiso de non permanecer máis de dúas lexislaturas no cargo.

"Reitero o meu compromiso de, en caso de que así sexa decidido no seu día, non ocupar a Alcaldía máis alá de dúas lexislaturas, tempo que considero suficiente para deseñar, discutir e executar un proxecto sólido de goberno dunha cidade", afirmou Conde Roa antes de facer un breve repaso pola historia de Compostela e de lembrar o carácter "aberto e hospitalario" dos santiagueses. Neste sentido, apostou por un progreso entendido como "mellorar sen ignorar nin desprezar o pasado".

Cara o futuro, afirmou que "a primeira obriga debe ser a de estar cos que nestes momentos sofren máis os efectos da crise". Por iso, cre nunha organización municipal que "debe estar non só para os grandes proxectos, senón sobre todo para resolver o día a día, a cotidaneidade mediante un funcionamiento ordenado e preciso de toda a Administración municipal. Ao mesmo tempo, engadiu, "loitaremos por ordenar, racionalizar e facer eficaz unha Administración municipal que entendemos debe poñerse ao día, e dotar aos funcionarios e traballadores municipais das ferramentas necesarias para conseguilo". E na relación destes traballadores cos cidadáns defendeu un "humanismo administrativo" na tramitación de expedientes, resolvendo en prazo e facilitando as xestións.

Austeridade
Volvendo á crise económica, Conde Roa indicou que a xestión do seu Goberno estará dirixida a "incrementar a nosa colaboración e o noso apoio aos que axudan aos demais, ao mesmo tempo que trataremos de que haxa máis e mellores servizos sociais". Díxolles aos cidadáns que "non esperen medidas revolucionarias, nin grandes estratexias; esperen simplemente aforro, gasto racional e, sobre todo, moita austeridade".

Nesta liña de austeridade, anunciou que o alcalde reducirá o seu salario un 3% mais ao xa reducido ata agora. "O alcalde traballará por obxectivos que axuden a que a súa misión estea suxeita ao compromiso de acadar metas predeterminadas. De cumprilas por ano, recuperará ese 3% de rebaixa; senón, engadirá unha redución do 1% a maiores", explicou. Igualmente comprometeuse a reducir o persoal de confianza nun 30% e a revisar aquelas políticas que teñan menor relación directa entre custo e beneficio social.

O alcalde fixo entón por algúns dos eixes que quere potenciar no seu mandato, como a cultura, "porque aspiramos a ser un foco de atracción cultural no que a Cidade da Cultura ten que xogar un papel decisivo". Tampouco se esqueceu da educación, e da Universidade de Santiago en particular, para conformar "unha cidade do coñecemento", aberta ás "novas fontes do mesmo", plano no que situou a creación de solo para industrias de alta tecnoloxía e o emprego de calidade ligado á investigación universitaria".

Participación cidadá
Para o seu proxecto de cidade considera un elemento fundamental a participación cidadá. "Non podemos gobernar de costas aos cidadáns, sinxelamente porque son eles os que teñen, en numerosas ocasións, mellores e máis pensadas solucións aos seus problemas", indicou. Tamén para fomentar a participación, neste caso nos órganos municipais, anunciou unha reforma do Regulamento Orgánico da Corporación.

"Servizos sociais, coñecemento, cultura no senso mais amplo da expresión e infraestruturas teñen que servir para construír a cidade do futuro, a cidade que desexamos e que co esforzo de todos nós pode ser unha realidade gozosa", afirmou a modo de resumo.

O rexedor municipal rematou o seu discurso declarando a súa "ilusión" pola nova etapa e o seu desexo de levar adiante un traballo "sinxelo, calado e eficaz". Finalmente, tivo un recordo emocionado aos seus pais, irmáns e fillos, e tamén ao Apóstolo Santiago, a quen implorou a súa axuda para gobernar a cidade.

Novos concelleiros
Antes de que o alcalde prometera o seu cargo, fixérano os novos concelleiros. Polo PP ocuparon o seu banco en Raxoi Paula Prado del Río, Reyes Leis Rodríguez, Ángel Currás Fernández, Cecilia Sierra Rey, María Pardo Valdés, Amelia González Brandariz, Albino Vázquez Aldrey, Luis García Bello, Juan de la Fuente Fuentes, María Castelao Torres, Francisco Javier Noya Iglesias e Adrián Varela Sarandeses. Polo PSdeG-PSOE xuraron o cargo Xosé A. Sánchez Bugallo, Mar Martín García, Bernardino Rama Seoane, Mercedes Rosón Ferreiro, Marta Álvarez-Santullano Fernández-Trigales, María Luisa del Río Araujo, Francisco Reyes Santiás, Gonzalo Muíños Sánchez e Xosé Ánxel Baqueiro Canabal. Os concelleiros do BNG serán Rubén Cela Díaz, Elvira Cienfuegos López e Rafael Vilar González.

Ao acto de constitución da nova Corporación asistiron diferentes autoridades, entre elas o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, ou o arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: