ALCALDÍA

A presidenta do Parlamento será a delegada rexia na Ofrenda ao Apóstolo

24/06/2011 O Rei Don Juan Carlos de Borbón designou á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, delegada rexia nos actos da tradicional Ofrenda ao Apóstolo, que se desenvolverán o vindeiro 25 de xullo na Catedral de Santiago. Así o anunciou o alcalde en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, unhas horas despois de recibir a comunicación do xefe da Casa Real.

Pilar Rojo sucede na responsabilidade da Ofrenda ao Apóstolo ao propio monarca, quen presidira os actos do 25 de xullo no Ano Santo. Nos últimos anos, dende 1999, S. M. El Rey Don Juan Carlos I realizara tamén a Ofrenda noutras dúas ocasións, 1999 e no 2004, ambos tamén Anos Xubilares; o ex-presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, oficiou a Ofrenda no ano 2000; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, nos anos 2001, 2005 e 2008; a Infanta Cristina foi delegada rexia no ano 2002; o ex-presidente do Parlamento, José María García Leira, no ano 2003; en 2006 o oferente real foi o ex-presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e en 2007 a ex-presidenta do Parlamento, Dolores Villarino; en 2009, o oferente fora o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Pleno de constitución da Corporación e traspaso de poderes
Por outra parte, o alcalde en funcións anunciou tamén que para o martes 28 está prevista a celebración da última Xunta de Goberno e tamén do último Pleno da Corporación saínte. Será, respectivamente, ás 10:00 e ás 11:00 horas, e en ambos a orde do día será unicamente a aprobación de actas. Non obstante, indicou que no Pleno se abrirá o turno de palabra a aqueles concelleiros que deixan a Corporación que queiran intervir.

Sobre o Pleno de constitución da nova Corporación, previsto para o venres 1 de xullo, indicou que haberá unha xunta de voceiros o luns 27 para acordar os termos e formas da sesión. Apuntou o seu desexo de que sexa un acto "sinxelo pero solemne".

Ademais, tras coñecerse os tres representantes designados polo próximo alcalde, Gerardo Conde Roa, para a xestión do traspaso de poderes (Paula Prado, Albino Vázquez e Ángel Currás), Sánchez Bugallo anunciou que os tres designados do Goberno saínte serán Marta Álvarez-Santullano, Rosa Fernández e Elvira Cienfuegos. Esta comisión reunirase previsiblemente por primeira vez o luns 27.

A cidade con maior renda per cápita
Finalmente, o alcalde en funcións falou dos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) que sinalan que Santiago pasou a ser "a primeira das grandes cidades galegas en renda per cápita dispoñible por habitante". Respecto dos 315 concellos galegos, Compostela sitúase no segundo lugar, unicamente por detrás do municipio coruñés de Oleiros. Malia o dato positivo, recoñeceu que este ascenso ao primeiro posto "seguramente teña máis que ver máis coa maior afectación da crise noutras cidades", aínda que non descartou que a celebración do Ano Santo tamén tivera algunha incidencia.

Compartir: