CONSORCIO

"Domus Iacobi. A historia da Catedral de Santiago" xa recibiu máis de 15.000 visitas

22/06/2011 Máis de 15.000 persoas entraron no Colexio de Fonseca para admirar a exposición Domus Iacobi, cando queda pouco máis dun mes para o seu peche. A mostra, que se inauguraba o 9 de abril, concentra unha selección de pezas representativas das diferentes fases construtivas da Catedral, dende a primitiva basílica prerrománica ata os nosos días, facendo especial fincapé na obra da catedral románica, consagrada agora hai 800 anos. Ademais, o Consorcio e o Cabildo catedralicio acaban de publicar o catálogo da exposición, dispoñible no mesmo Colexio de Fonseca, no que se documenta ada unha das pezas expostas.

A exposición permite tamén ver por primeira vez obras medievais que nunca antes estiveron expostas ao público, como as dúas figuras dos personaxes bíblicos Isaac e Abraham, procedentes da primitiva fachada occidental deseñada polo Mestre Mateo, e que pertencen á familia do xeneral Franco, logo de que o Concello de Santiago llas regalase na década dos anos 40.

A mostra está organizada polo Cabildo da Catedral e o Consorcio de Santiago e compleméntase co Museo da Catedral, a poucos pasos do Colexio de Fonseca. De feito, co billete de entrada á exposición Domus Iacobi obtense un 40% de desconto na entrada ao Museo da Catedral. Desenvólvese en nove ámbitos nos que, seguindo unha orde cronolóxica, abórdanse os principais fitos na historia da Catedral.

O momento da consagración, o 21 de abril de 1211, convértese en punto de inflexión e ocupa un lugar protagonista no percorrido da exposición. A partir dese punto, a exposición invita a facer un percorrido pola historia da Catedral, dende as súas orixes, co descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago no século IX, ata os nosos días, abríndose unha porta ao futuro coa posta en marcha das actuacións do Plan Director da Catedral, que permitirá, nos próximos anos, realizar o maior proxecto de conservación e restauración en relación ao conxunto catedralicio. Precisamente, a remodelación do Museo da Catedral, que complementa esta exposición, é unha das primeiras actuacións asociadas ao programa do 800º Aniversario impulsado polo Consorcio e o Cabildo.

Ademais, dende o inicio deste mes de xuño existe un programa de visitas guiadas gratuítas á exposición.

Compartir: