ALCALDÍA

Santiago de Compostela superará no curso 2011-2012 os estándares europeos de escolarización infantil pública

22/06/2011 O alcalde compostelán en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras Escola Infantil Municipal de Salgueiriños, proxecto incluído no programa Urbana Santiago Norte, que conta cunha achega do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Segundo indicou, está previsto que o centro poida abrir ao longo do primeiro trimestre do curso 2011-2012, converténdose na oitava escola infantil da cidade –a sexta municipal- e na de maior tamaño.

Situada na rúa do Lavadoiro, este equipamento dará cabida a un máximo 123 alumnos. Sánchez Bugallo apuntou que as obras estarán rematadas en outubro e que a Escola entrará en funcionamento durante o vindeiro curso, unha vez que se defina se o centro queda baixo a titularidade municipal ou se integra no consorcio autonómico de A Galiña Azul. O orzamento final da obra sitúase preto do millón de euros.

Destacou o rexedor en funcións que con esta escola se superarán en Santiago os estándares recomendados pola Unión Europea de escolarización infantil pública, fixados en 30 prazas públicas por cada 100 nenos.

A de maior capacidade
O edificio da Escola Infantil de Salgueiriños está concibido coma unha locomotora cos diferentes cubos-vagóns que representan o percurso escolar. Poderá acoller ata 123 alumnos, distribuídos en tres unidades para nenos de 0 a 1 anos (24 alumnos), tres de 1 a 2 anos (39 alumnos) e outras tres de 2 a 3 anos (60 alumnos).

O edificio está concibido a dúas escalas, unha para o profesorado e outra para os pequenos, cada unha coas súas portas e cun sistema de acceso a través dunhas ramplas. Os vagóns das aulas rodean o gran patio central, permitindo que o profesorado poida ver todas as aulas dende calquera posición.

Cando abra, a Escola acollerá os nenos e nenas en xornada completa e de mañá ou tarde. Terá servizo de comedor, dende o que se ofrecerá o xantar ou a merenda. Tamén ofrecerá un horario ampliado de 14:00 a 16:00 horas para os non usuarios do comedor pero que permanecen no centro logo de rematar a xornada de mañá.

Compartir: