TURISMO

Axentes de turismo de Filipinas elixen Santiago como fin de seu paso por España

21/06/2011 Alcalá de Henares e Santiago de Compostela, ambas integrantes do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, foron os destinos elixidos por un grupo de axentes de turismo e xornalistas filipinos para o inicio e escala final dun percorrido cultural por España.

Esta viaxe de familiarización polo Camiño de Santiago francés, organizado pola Oficina Española de Turismo de Singapur, ofrece a oportunidade aos participantes de percorrer as cidades do Grupo e aloxarse nos Paradores de Turismo que, en ambos casos, constitúen auténticas referencias dentro da devandita rede hoteleira y resultan un excelente complemento para tomar contacto coa historia e cultura local.

O marco económico en Filipinas parece favorable para a industria da viaxe, cunha proxección do crecemento do PIB que o FMI cifra no 4,0% para 2011 tras o aumento do 7,3% experimentado o ano anterior. Ademais, factores como a apreciación do peso filipino fronte a outras divisas, a existencia dunha crecente clase media e unha maior frecuencia das viaxes rexionais permiten esperar que esta tendencia continúe, segundo a Asociación de Axentes de Viaxe Filipinos (PTAA).

En total, agárdase un crecemento das reservas de ao menos un 10% fronte ao ano anterior, nunha tendencia moi positiva para os desprazamentos internacionais. O éxito das aerolíneas de baixo custe demostraron a madurez da industria no país, confirmándose que as viaxes pasaron a ser unha necesidade para unha parte crecente da poboación.

Segundo apunta tamén a Asociación de Axentes de Viaxe Filipinos, o tráfico de Filipinas a España foi en 2010 de 29.664 pasaxeiros, de acordo cos datos combinados de IATA e Amadeus. Este desenvolvemento favorable fronte a outros anos foi posible grazas á apreciación do peso filipino fronte ao dólar americano e ao euro.

O potencial turístico do conxunto patrimonial das trece cidades que forman o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade constitúe un piar fundamental sobre o que o Grupo traballa de forma permanente. Conscientes de que a demanda turística tanto a nivel nacional como internacional cambia e evoluciona, o Grupo vela por coñecer as novas tendencias para adaptarse ás novas necesidades. Isto garantirá que todas aquelas persoas que visiten as cidades teñan unha experiencia positiva que desexen repetir.

Compartir: