PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Dúas mesas de diálogo analizarán a diferenza de xénero na produción artística e na investigación na Casa das Asociacións

20/06/2011 As xornadas Que ves cando me ves? (www.quevescandomeves.org) propoñen para esta semana dúas mesas de diálogo que pretenden dotar de rigor as ideas e cuestións relacionadas coa análise da diferenza de xénero como categoría.

Recoñecidas representantes da pedagoxía, a investigación, a arte, a xestión, o activismo, os medios de comunicación e as novas tecnoloxías compartirán co público as súas reflexións e ensaiarán respostas a novos interrogantes sobre cuestións de xénero no seu ámbito de traballo. Será na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras, 3), que acollerá dúas mesas redondas o martes 21 e o mércores 22.

A primeira mesa celebrarase o martes ás19:00 horas, baixo o lema "Creación, xestión, crítica e activismo". Nela participarán Ania González, Encarna Lago, Natalia Poncela, Marta Prieto, Renata Otero, Sabela Pernas, Ana Seijo, Ana Gesto e unha representante da revista Andaina.

O mércores 22, tamén ás 19:00 horas, será o turno de Aurora Marco, Luz Castro, María Xosé Agra, Raquel Castillejo e Rita Radl, que falarán sobre "Investigadoras e universidade".

O obxectivo desatas mesas de debate é resituar definicións actuais sobre as premisas que definen as prácticas culturais, os movementos e as tendencias despregadas polas mulleres, dende os inicios do feminismo en Galicia ata a actualidade. Ademais, como no resto das xornadas, quérese promover o encontro, o debate e a reflexión crítica da cidadanía.

Compartir: