EDUCACIÓN

Santiago celebra o Día Europeo da Música

20/06/2011 O martes 21 de xuño celébrase o Día Europeo da Música. O evento central do mesmo terá lugar na praza do Toural a partir das 19:45 horas, coincidindo con diferentes actuacións das escolas de música participantes. O alcalde e a concelleira de Educación en funcións participarán no acto.

O Día Europeo da Música é unha iniciativa do Ministerio de Cultura Francés, que estableceu que cada ano, coincidindo co primeiro día do verán e o máis longo do ano, se celebrara a Festa da Música ( Fête de la Musique). Neste evento, músicos de todo tipo toman as rúas das súas cidades e utilizan espazos pouco habituais para a expresión musical: estacións, museos, parques, edificios públicos, entre outros.

Grazas ao impulso e o dinamismo da rede cultural francesa no exterior, a Festa de Música ten un crecemento internacional importante e consolídase progresivamente coma un acontecemento emblemático de dimensión internacional. Na actualidade, este evento celébrase en máis de cen países do mundo.

O Concello de Santiago, a través do Departamento de Educación e a rede de escolas de música de Compostela, súmanse a esta iniciativa coa celebración de diferentes actos nas prazas, rúas, parques e institucións de Compostela. Esta xornada abrirase ás 18:00 horas cunha mostra sobre o órgano ibérico a cargo da Escola de Música Berenguela na capela das Ánimas. Os relatores serán Julia Ammerman (organista) e Alejandra Escolante (profesora de piano e organista).

Pola tarde, tamén a partir das 18:00 horas, volverán as Veladas no Casino. Desta vez tocarán o coro de nenos da Escola Estudio, a Escola Municipal de Música e un dío de violín e piano da Escola Berenguela.

E xa ás 19:30 horas, na praza do Toural, celebrarase o evento central deste día. Será un concerto da banda e do coro da Escola Municipal da Música, baixo a dirección de Óscar Fernández e Sara Domínguez. Tras o acto institucional seguirá a música coa orquestra de corda da Escola Municipal de Música.

A música con motivo desta celebración continuará ata o 25 de xuño con diversos concertos e actividades. Participan a Escola Municipal de Música, a Escola Estudio, o Conservatorio de Música, a Escola de Música Berenguela e o Conservatorio Histórico.

Documentos relacionados



Compartir: