PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Éxito de participación na xornada central de "Que ves cando me ves?"

18/06/2011 A praza Roxa de Santiago acolleu, baixo o lema rescatado do maio do 68, "A beleza está na rúa", diferentes actividades cun eixo común: impulsar a visibilidade da muller na produción cultural galega e implicar aos cidadáns e cidadás. A xornada insírese no programa Que ves cando me ves? (www.quevescandomeves.org).

Os adultos e nenos que se achegaron á carpa gozaron e participaron masivamente, axudadas por artistas, deseñadoras gráficas e gravadoras, da estampación en directo en mandís e bolsas da compra, símbolos obvios do traballo da muller no fogar con lemas que pretendían fomentar a reflexión desde a perspectiva de xénero.

Sherezade Bardají trouxo os seus contos con sombras chinesas protagonizados por mulleres (bruxas, princesas, raparigas...) que loitan e vencen as batallas, mentres que Esther F. Carrodeaguas levou a cabo un xogo literario, Collage. Ao final da mañá o Colectivo Artístico 20 65 (20º e 65% de humidade) e toda a xente que quixo participar, soltou os globos morados que durante toda a mañá estiveron no chan, unha metáfora do famoso "teito de cristal" que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais, segundo explicaron as propias membras do colectivo.

Na praza Roxa estivo tamén a a artista María Chenut co seu "carro de batalla" da Muller Express, un proxecto en colaboración co pintor Branda consistente nun panel de madeira no que calquera muller podía meter a cabeza para retratarse como unha superheroína cunha cesta onde coloca os obxectos que a representan.

Na carpa houbo un Espazo Editora onde estivo a revista Andaina e Aula 25-Abraxas (servizo de publicacións da USC), xunto a outras editoriais.

As xornadas continuarán os días 21 e 22 coa celebración de diferentes mesas de debate e diálogos co propósito de dotar de rigor as ideas e cuestións relacionadas co análise da diferenza de xénero como categoría.

Recoñecidas representantes de ámbitos da pedagoxía, a investigación, a arte, a xestión, o activismo, os medios e as novas tecnoloxías, compartirán co público as súas reflexións e ensaiarán respostas a novos interrogantes sobre xénero no seu ámbito de traballo.

Compartir: