CULTURA

Recital de piano de Haruna Takebe

17/06/2011 A pianista, que vive en Compostela desde o ano 2009, interpretará pezas de Claude Debussy e Frédèric Chopin. O concerto, no que estará acompañada dun quinteto de corda, comezará ás 21.00h e ten unha duración aproximada de unha hora e corenta minutos.

A pianista xaponesa Haruna Takebe ofrece este luns, día 20 de xuño, un recital no Teatro Principal con entrada libre. Durante o recital, Takebe interpretará ‘Préludes Pour Piano (segundo libro)’ de Claude Debussy (1862-1918) e o ‘Concerto para Piano Nr.1, op.11 en Mi menor (versión para piano e quinteto de corda)’ de Frédéric Chopin (1810-1849) acompañada de Kiyoko Ohashi, Violín; Nazaret Canosa, Violín; Ionela Ciobotaru, Viola; Palmira Martínez, Violoncello; e Carlos Méndez, Contrabaixo.

Takebe graduouse pola prestixiosa universidade Toho Gakuen de Tokio cos profesores Megumi Kaneko e Keiko Takeuchi. En 1999 trasládase a Europa para ampliar a súa formación; primeiro en Alemaña onde se gradúa na Universidade das Artes de Berlín, estudando ca pianista Elena Lapitskaja, e logo en Holanda, para obter o Master’s degree de solista, música de cámara así como de acompañante de lied baixo la dirección do profesor Willem Brons no Conservatorium van Amsterdam.

A súa actividade profesional como concertista inclúe a interpretación habitual de Concertos para Piano e Orquestra (coa Symfonie Orchester Berlin na Berlin-Philharmonie ou a Takamatsu Symphony Orchestra) así como colaboracións con membros da Orquestra Filharmónica Checa. En Novembro de 2004 grava un disco para o selo STH Quality Classics con música de Scarlatti, Schubert, Liszt e Debussy.
Dende 2007 combina a interpretación coa docencia incorporándose como Catedrática de Piano na Elisabeth University of Music, Hiroshima, onde permanece ata o 2009, cando decide trasladarse a España.

Compartir: