CONSORCIO

O Consorcio entrega á Universidade o novo edificio do Museo de Historia Natural

17/06/2011 Unha vez rematadas as obras de construción do novo edificio do Museo de Historia Natural, o Consorcio de Santiago e a Universidade asinan o acordo polo cal o Consorcio de Santiago, propietario do inmoble, cédelle o seu uso á Universidade, para o seu funcionamento como Museo de Historia Natural. O Consorcio de Santiago asumiu a financiación e construción do novo edificio, que supuxo unha inversión total de 3.909.280 euros.

En outubro de 2009 poñíase a primeira pedra da nova sede do Museo de Historia Natural "Luís Iglesias", edificio deseñado polo arquitecto César Portela e que comparte espazo, no interior da Finca de Vista Alegre, con outros equipamentos culturais e universitarios como a Casa de Europa, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Centro de Estudos Avanzados e o edificio da Sociedade Xeral de Autores. O Consorcio de Santiago é o propietario do novo edificio e asumiu a construción, execución e financiación do proxecto. A execución dos traballos correu a cargo da unión de empresas Acciona-Tuconsa.

O programa museográfico preparado dende a USC converterá o futuro centro nun novo atractivo para os veciños e visitantes de Compostela, precisamente nunha área -a das ciencias naturais- de capital importancia para comunidade universitaria santiaguesa e que contribuirá ao posicionamento de Santiago como cidade do coñecemento. Así, o novo museo permitirá que a cidadanía se familiarice coa ciencia e a tecnoloxía, promovendo o necesario diálogo entre ciencia e sociedade.

O Museo de Historia Natural da USC será un transmisor directo do saber científico xerado pola institución universitaria cara a toda a sociedade. Neste sentido, cómpre salientar que vai combinar a mostra permanenente con exposicións temporais, potenciando a faceta didáctica e o emprego das novas tecnoloxías.
O museo incluirá un espazo de investigación e un espazo pedagóxico, para a acollida de grupos e de escolares. Por áreas, ofrecerá un panorama global sobre a biodiversidade e a xeodiversidade, con especial atención ao mundo mariño e a Galicia. Tamén incorporará unha biblioteca e un salón de actos.

Compartir: