CULTURA

Chegan a Sons os diálogos entre voz e piano de Ana Belén e Rosa Torres-Pardo

16/06/2011 Última cita desta temporada con Sons da Diversidade, ciclo organizado pola Concellaría de Cultura. Será o venres 17, a partir das 21:00 horas, da man de Ana Belén e Rosa Torres-Pardo, que presentan Música Calada. A vida rima, diálogos entre piano e voz nos que alternan poesía española e música para piano a modo de pregunta resposta. As entradas xa están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O prezo é de 20 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Unha gran pianista e unha das máis respectadas cantantes do panorama estatal únense sobre o escenario para establecer novos diálogos entre piano e voz, entre música e poesía, entre cantos e palabras. Ana Belén e Rosa Torres-Pardo alternan poesía española e música para piano a modo de pregunta e resposta, nun espectáculo con guión do poeta granadino Luis García Montero e a dirección escénica de José Carlos Plaza. Un espectáculo conmovedor e rigoroso, onde música e palabra altérnanse para rabuñar a costra que oculta a verdade e a beleza.

Dende que aos doce anos gravou o seu primeiro sinxelo, Ana Belén desenvolveu unha intensa carreira artística na que cine e música correron en paralelo. En solitario ou con Víctor Manuel interpretou algunhas das cancións máis populares das últimas catro décadas, como "La muralla", "El hombre del piano", "La puerta de Alcalá" ou "Arde París". Despois do éxito do disco ao vivo Mucho más que dos e da xira El gusto es nuestro, Ana Belén realizou proxectos máis persoais, como o álbum Lorquiana, con poemas de Lorca, e o seu último traballo, Anatomía (2007), finalista ao Grammy Latino ao mellor álbum de pop vocal feminino.

Rosa Torres-Pardo é unha das pianistas máis prestixiosas da actualidade. En 1987 debutou no Teatro Real de Madrid xunto á Filarmonía Hungárica, e dende entón gravou e actuou en directo con moitas das grandes orquestras do mundo e baixo os directores máis destacados. Tamén desenvolveu proxectos con cuartetos e acompañada de cantantes como María Bayo e Marina Pardo, co actor José Luis Gómez e coa bailarina Lola Greco. Dende 1998 celébrase en Robles de Laciana (León) o festival Encuentros con Rosa Torres-Pardo, no que colaboran importantes pintores e músicos. Agora afronta con Ana Belén o reto de achegar unha nova visión musical á poesía española.

Última cita da temporada
Sons da Diversidade é un ciclo de concertos que chega a súa oitava edición como unha referencia da programación cultural do país. Sons é unha vía de achegamento ás diferentes culturas do mundo a través da súa música. A temporada 2010-2011 abriuna Berrogüetto, seguido de Lokua Kanza, Carmen Linares, Mari Boine, Ana Moura, Hindi Zahra e Eleftheria Arvanitaki. Agora pechan esta edición Ana Belén e Rosa Torres-Pardo.

Compartir: