PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Un recital poético na Casa das Asociacións dá voz ás "Expulsadas do Parnaso"

15/06/2011 Andrea Nunes Brións e Raquel Rei (As Candongas do Quirombo), Ania González, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas Álvarez, Olalla Cociña xunto a Dores Tembrás e Teófila Noemí Ruiz son as poetas que participarán no recital que leva por título Expulsadas do Parnaso. O acto enmárcase nas xornadas Que ves cando me ves?, que buscan visibilizar e dar voz á muller na produción cultural galega, e promover a reflexión crítica da cidadanía.

¿Son elas as musas expulsadas do Parnaso? Se cadra cansaron de habitar no mundo da lírica máis "etérea" e baixan á terra para ser mulleres de carne e óso, mulleres con moitas cousas que contar. Para comprobalo, haberá que asistir ao recital que terá lugar o venres 17, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes.

A intención do recital é que poetas de diferentes xeracións e estéticas se reúnan co público nunha escoita e espazo non convencionais. As voces, os xestos e algúns traballos audiovisuais achegarán a obra destas escritoras que comparten a palabra como canle para expresarse, pero de xeitos moi diversos. Pero sobre todo, o obxectivo do recital é animar ao público a recuperar o pracer da escoita e a capacidade de asombro nestes tempos de présa e vertixe informativa nos que resulta tan difícil concentrarse na simple oralidade.

Día grande na praza Roxa
As xornadas continuarán o sábado 18 coa celebración dun evento central. Entre as 11:00 e as 14:30 horas estará instalada unha carpa na praza Roxa, onde se fará estampado en directo de mandís e bolsas da compra con lemas e motivos que traerán a Santiago o espírito do maio francés. Alí haberá tamén contacontos, casetas de revistas e editoriais e outros espectáculos sempre abertos á participación do público.

Esa mesma mañá, o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que o público axudará a liberar, unha metáfora do teito de cristal que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais.

Compartir: