CONSORCIO

Investigacións das universidades de Cottbus e Berna descobren aspectos descoñecidos na construción da Catedral de Santiago

14/06/2011 O ciclo de conferencias que organiza o Consorcio para dar a coñecer diferentes aspectos do Plan Director da Catedral de Santiago continúa na súa terceira xornada cun programa no que as Universidades de Cottbus (Alemaña) e Berna (Suíza) exporán, por primeira vez, novidosas conclusións sobre aspectos construtivos da fábrica románica da Catedral.

Trátase dun proxecto de análise multidisciplinar no que participan arquitectos, historiadores da arte e xeodestas, que a partir dun exacto levantamento planimétrico e dun complexo traballo de documentación da escultura, identifican as diferentes fases construtivas da época medieval. Deste xeito pódense descifrar os diferentes mestres que traballaron no levantamento do templo, as diferentes época e mesmo os materiais empregados.

A conferencia que abrirá a terceira xornada estará a cargo dos profesores da USC Jesús Izco (botánica) e Jesús Domínguez (zooloxía), que invitarán a facer un percorrido polas pedras da Catedral a partir dos animais e plantas que nela teñen o seu hábitat. Liques, algas e vexetais forman parte da súa paisaxe arquitectónica, polo que se fai necesario coñecelas e comprender a súa forma de vida.

Como peche da xornada, o historiador Victoriano Nodar, tamén da USC, sinalará como o urbanismo da cidade de Santiago evolucionou de forma paralela ás transformacións artísticas da Catedral, de xeito que as dúas, Catedral e cidade, forman un todo continuo no espazo e no tempo.

LitVi
Como complemento ás conferencias, e enmarcado tamén na programación deseñada con motivo do 800 Aniversario da Catedral de Santiago, o encontro de literatura de viaxes LitVi propón para as 20:00 horas unha charla do escritor leonés Julio Llamazares, baixo o título As catedrais, fontes de inspiración. Un dos últimos libros de Llamazares, titulado As rosas de pedra, é precisamente un libro de viaxes por España percorrendo as súas catedrais.

Compartir: