CULTURA, MEDIO AMBIENTE E BENESTAR SOCIAL

O programa "Vive o Verán 2011" propón 85 actividades ao aire libre

14/06/2011 As concellarías de Cultura e Centros Socioculturais, Medio Ambiente e Benestar Social poñen en marcha a terceira edición do programa Vive o Verán. Contén 85 actividades ao aire libre destinadas a público de todas as idades. Prazas, rúas, parques, centros socioculturais e centros de interpretación ambiental serán os escenarios destas actividades de aprendizaxe, deporte, cultura e lecer.

O mércores 15 de xuño xa está prevista a actividade Observando o ceo, observando o eclipse total de Lúa no Centro Sociocultural da Trisca, a partir das 21:30 horas. Prosegue o 8 de xullo no Centro Sociocultural da Trisca e o 12 de agosto para observar a choiva das Perseidas, ás 22:00 horas no parque de Belvís.

Nos meses de xullo e agosto, os luns e mércores de 10:00 a 11:00 horas no parque da Alameda, está prevista a actividade de ximnasia terapéutica. Tai Chi e Chi Kung tradicional serán os martes ás 10:00 horas no parque de Bonaval e os xoves ás 20:00 horas no parque da Alameda, onda a capela de Santa Susana.

O 7 e o 21 de xullo haberá saídas ao Parque Acuático de Cerceda. O prazo de inscrición comeza o 22 de xuño e poderán ir nenos e nenas entre 7 e 14 anos de idade.

En canto ao cine, o programa Os clásicos á rúa será os mércores 6, 13, 20 e 27 de xullo, as 22:30 horas, na praza de San Martiño Pinario. Proxectarase La Strada, de Federico Fellini; Nas ás da danza, de George Stevens; Star Wars, de George Lucas; e A quimera do ouro, de Charles Chaplin.

Roteiros, xogos populares, obradoiros e visitas guiadas
Haberá dous roteiros na procura das plantas, tanto o 23 de xuño ás 17:00 horas para a recollida de plantas de San Xoán, saíndo da Igrexa do Carme de Abaixo, como o 12 de xullo ás 19:30 horas, para a recollida de plantas medicinais, saíndo da carballeira de San Lourenzo.

Os xogos populares serán o 9 de xullo e o 21 de agosto a partir das 17:00 horas no paseo central da Alameda e están destinados a adultos, nenos e maiores. Haberá tamén obradoiros Musicarte en Arteria Noroeste, no parque de Vista Alegre, destinados a fomentar a creatividade e a expresividade de nenos e nenas de 4 a 8 anos de idade, nos que elaborarán instrumentos musicais, monicreques e máscaras con materiais de refugallo.

As mañás dos sábados está prevista unha axenda de obradoiros e contacontos para descubrir a importancia das prácticas ecolóxicas e ambientais. Serán para rapaces de 5 a 11 anos no Centro de Interpretación Ambiental de Belvís. Tamén os sábados haberá visitas guiadas para coñecer os valores ambientais e culturais de Compostela, desta volta destinadas ás persoas adultas.

Viaxandoando polo mundo
De forma paralela, organízase o campamento urbano Viaxandoando polo mundo, que mantén aberto o prazo de inscrición ata o 18 de xuño ou ata que se cubran as 100 prazas dispoñibles. O horario do campamento, para conciliar a vida laboral e familiar será de 7:45 a 15:15 horas e o prezo será de 25 euros por semana e 100 euros o mes completo. Ademais, haberá 30 bolsas con bonificación do 25% do importe da matrícula. Unha vez rematado o prazo publicarase a listaxe de admitidos nos taboleiros informativos dos Centros Socioculturais, así como na web www.santiagosociocultural.org.

Direccións relacionadas



Compartir: