ALCALDÍA

O alcalde en funcións confía en que as obras do Museo das Peregrinacións e de Santiago estean rematadas a finais de setembro

14/06/2011 O proxecto de intervención no antigo Banco de España para adecualo á nova función de Museo das Peregrinacións e de Santiago avanza a bo ritmo, tal como comprobou o alcalde en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, nunha visita ás obras.

Tras o percorrido, Sánchez Bugallo, recordou que "se trata dunha das obras emblemáticas emprendidas polo Consorcio neste último cuadrienio, que implicou primeiro a adquisición do edificio do Banco de España, que foi patrimonio nacional e logo propiedade de Segipsa (dependente do Ministerio de Economía). Con posterioridade encargóuselle a Manuel Gallego a redacción do proxecto para a súa transformación no Museo das Peregrinacións e da Cidade".

Á vista da marcha das obras, expresou a súa confianza en que a remodelación estea rematada a finais de setembro. Anteriormente fixárase o prazo en marzo, pero entón xurdiron dificultades, entre as que citou a aparición da muralla, a auga ou a situación da estrutura do edificio, con grave estado de deterioro.

Pola súa parte, o arquitecto, Manuel Gallego, explicou que hai "unha área pendente de estudio cos restos arqueolóxicos no soto do edificio". Estes vestixios quedarán á vista.

O edificio do antigo Banco de España pasou a ser propiedade do Consorcio de Santiago en xullo de 2008. A cesión levouse a cabo en virtude do protocolo de colaboración celebrado en decembro de 2007, polo que se establecía que a achega do Estado ao Consorcio para 2008 sería de case 12 millóns e medio de euros, dos que 4.292.367 euros corresponden a taxación do edificio como contribución en especie. Posteriormente, as obras de remodelación foron adxudicadas á UTE formada polas empresas Neorsa, Geocisa e Oseis, por un importe total de 5.428.355 euros.

O proxecto de remodelación do arquitecto Manuel Gallego Jorreto non se pode concibir á marxe da súa situación ao pé da Catedral, nin do seu emprazamento na emblemática praza de Praterías. Polo que respecta ao interior do edificio, as modificacións que se están levando a cabo afectan, fundamentalmente, á case única utilización do seu interior como espazo expositivo en detrimento doutros usos.

A escasa altura da primeira e segunda planta motivou a creación dun espazo integrador e de relación que permitirá unha fácil orientación ao visitante. Deste xeito conséguese un espazo xeneroso en altura que facilitará a relación visual desde diferentes plantas; espazo que se incorpora ao antigo edificio como de nova creación.

Partindo da aceptación do edificio como parte consolidada dun conxunto rematado, a ampliación do Museo realizarase incorporando un elemento complementario de nova arquitectura que se aproxima á antiga, respectando o edificio existente. A actuación intégrase sen variar a altura e conservando as cornixas como referencias importantes. Esta construción lixeira formulouse con vidro, material perfectamente compatible coa pedra. Unha construcción contigua ao edificio antigo como unha gran galería chea de vibracións e transparencias que recollan o movemento da xente e a vida do Museo que se realiza á luz do día.

O obxectivo do proxecto é que o espazo do Museo permita o funcionamento diverso e complexo como centro de exposicións. A espectacular presenza da Catedral, e sobre todo, da torre da Berenguela, farase presente a través dun gran lucernario, unha vez que os visitantes cheguen á primeira planta, transformando de maneira espectacular o percorrido do Museo a medida que van ascendendo. Os usuarios da cafetería do Museo tamén poderán dispoñer dunha visión da Catedral e dos edificios lindeiros, o que engadirá outro atractivo a este lugar. Un lugar pensado para que a colección permanente do Museo se transforme nun itinerario que remate asomándose á cuberta co fin de contemplar a Catedral e a cidade.

O futuro Museo, que conta cunha superficie construída de 3.466 metros cadrados, non se concibe como única sede, xa que se complementará co actual edificio do Museo das Peregrinacións, actualmente situado na Casa Gótica, cunha superficie útil de 1.284 metros cadrados, e coa Casa do Cabido, tamén na praza de Praterías, adquirida polo Consorcio con esta finalidade e que dispón de 236 metros cadrados.

O arquitecto Manuel Gallego Jorreto
Manuel Gallego é un dos arquitectos galegos máis recoñecidos. Entre os numerosos galardóns e mencións que recibiu destaca o Premio Nacional de Arquitectura, que se lle concedeu en 1997. Foi catedrático na Escola Superior de Arquitectura da Coruña, na que exerceu a docencia dende 1978. Traballou nos seus inicios cos arquitectos galegos J. M. Sarandeses e C. Trabazo, no estudo do mestre Alejandro de la Sota. Dentro da súa traxectoria destacan obras significativas como o Museo de Belas Artes da Coruña (polo que recibiu o Premio Nacional de Arquitectura), a Casa da Cultura de Chantada e os Institutos de Investigación do Campus Sur de Santiago.

Datos históricos
O edificio do antigo Banco de España é do arquitecto Romualdo de Madariaga. En 1936, o Concello concede autorización das casas situadas na praza das Praterías para a súa compra, procedéndose á súa demolición. Parece ser que durante a República xa se iniciaran as xestións para a súa adquisición. Entre as casas estaba a Casa Espinosa de Domingo de Andrade.

Tras un longo proceso, cheo de tensións e polémica, con informes que foron modificando o proxecto, termina inaugurándose en 1949. A polémica sobre o proxecto e o edificio centrouse fundamentalmente no seu acceso en chaflán que rompía a configuración da praza. A altura do edificio, que destaca pola robustez do seu material de construción, foi rebaixada das súas formulacións iniciais. Así, desenvólvese dentro do carácter dun Banco de España da época, onde as aparencias pretenden representar algo máis que o seu contido real: unha sucursal bancaria na planta baixa e unhas vivendas na primeira e segunda planta.

A praza das Praterías
Esta praza inscríbese dentro do tipo de prazas que son o resultado dunha operación de demolición efectuada na trama preexistente e que motiva a supresión dunha mazá coa finalidade de valorar arquitectonicamente un edificio importante. A partir de 1506 reorganízase o entorno da Catedral, comprándose as propiedades contiguas a ela para o seu posterior derribo, remodelándose todo o sector. O Plan inicial de reorganización é de Juan de Nava, aínda que con posterioridade realízanse múltiples e desiguais intervencións. Coa construcción do claustro da Catedral defínese xa o fronte da praza das Praterías. O Cabildo encarga a escaleira da praza en 1567. A Casa do Cabildo do arquitecto Sarela é de 1734; a fonte dos cabalos é de 1759, sendo os seus autores Juan Ramos e Gregorio Fernández. En 1825 altérase substancialmente.

Cando o Cablido decide organizar o espazo público da praza que era da súa propiedade, o plan afectou tanto ao acceso á Catedral como á fonte que existía e da que se abastecían de auga os veciños. Non falta quen atribúe o proxecto a Domingo de Andrade. As obras inícianse dirixidas por Simón Rodríguez, aínda que inmediatamente incorpórase Domingo de Andrade. O novo acceso catedralicio supuxo unha total transformación do espazo, xa que se crea unha gran plataforma pétrea que supón a súa división espacial, así como o seu enlace coa Quintana.

Compartir: