EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música abre as súas portas aos nenos e nenas das escolas infantís

13/06/2011 A Escola Municipal de Música acolle o mércores 15 unha xornada de portas abertas dirixida especialmente aos nenos e nenas e ás familias das escolas infantís de Conxo, San Roque, Tambre, Tras Parlamento e Fontiñas.

A concelleira de Educación en funcións, Mercedes Rosón, presentou esta xornada de portas abertas, promovida a raíz do éxito do programa A familia redonda. Daquela foron os mestres da Escola Municipal de Música os que se achegaron ás escolas infantís para iniciar os pequenos no mundo da música a través de contos, cancións, xogos e obradoiros de instrumentos. Agora, son os pequenos os que visitarán a EMMSC.

A directora da Escola, Sara Domínguez, explicou que a actividade consistirá nunha sesión de música e movemento. Traballaranse as diferentes calidades do son, haberá un pequeno concerto e amosaranse as diferentes especialidades musicais do centro. E aínda que os destinatarios principais son os máis pequenos e as súas familias, a directora convidou a calquera cidadán a achegarse á Escola para coñecer as instalacións e a forma de traballo.

Inscricións
Tamén aproveitou Sara Domínguez para recordar que está aberto o período de preinscrición de novas solicitudes ata o 22 de xuño. Aínda quedan prazas vacantes nos diversos instrumentos, tanto para nenos como para adultos. Cómpre indicar que as prazas nas especialidades instrumentais son limitadas, mentres que en música e movemento, en iniciación musical e en danza, admítense solicitudes ata completar grupos.

A directora da EMMSC destacou a boa acollida que están a ter as novas especialidades posta en marcha neste curso, como as mencionadas da danza e de música e movemento, ou as de instrumentos como a arpa celta ou a trompa, entre outros.

Concerto de fin de curso
Tanto a concelleira como a directora convidaron tamén a todos os composteláns a asistir ao concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música. Será o sábado 18 de xuño, ás 19:30 horas, no Teatro Principal.

Compartir: