ALCALDÍA

Publícanse na web do Concello as contas municipais do exercicio 2010

10/06/2011 A páxina web municipal inclúe xa un enlace específico na súa portada dende o que se poden consultar as contas municipais correspondentes ao exercicio 2010.

O alcalde compostelán en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou a publicación destas contas de 2010. Esta documentación inclúe a liquidación do orzamento de 2010 do Concello e do Auditorio de Galicia, e as contas e os informes de auditoría de Emuvissa, Incolsa e Tussa, unha vez aprobados polas súas respectivas xuntas xerais.

Progresivamente irase incorporando a ese mesmo espazo outra información económica do exercicio. Tamén indicou Sánchez Bugallo que xa están listos case todos os informes solicitados aos diferentes departamentos municipais. Unicamente queda por pechar o de algún departamento ao que se lle pediu completar a documentación.

Renuncia de Andrés Fariña
Por outra parte, e con efectos dende o sábado 11 de xuño, produciuse a renuncia á acta de concelleiro de Andrés Fariña, quen tomará posesión como concelleiro de Ribeira. As súas funcións na Concellería de Relacións Institucionais, Sanidade, Consumo e Mercados, son asumidas polo concelleiro de Xuventude e Festas en funcións, Xosé Baqueiro.

Campamento no Obradoiro
Preguntado en rolda de prensa polo campamento do Obradoiro, o alcalde en funcións reiterou o seu desexo de que "poñan fin a esta situación dunha vez". Non obstante, afirmou ser coñecedor de que o criterio do Ministerio do Interior é "non intervir policialmente" e recordou que "onde se fixo, lonxe de resolver o problema, empeorouno".

Ademais, lamentou o prexuízo que esta acampada na praza do Obradoiro causa á imaxe da cidade. Sobre as reivindicacións dos acampados, indicou que "o exercicio abusivo da liberdade de expresión e da ocupación da vía pública pode facer que se perdan esas razóns". Dixo ser consciente de que o campamento "funciona de forma ordenada e pacífica", pero reiterou que esa situación non se pode prolongar indefinidamente.

Direccións relacionadas



Compartir: