SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello concedeu máis de 3.300 tarxetas de aparcamento para residentes desde a posta en marcha da ordenanza

09/06/2011 A concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá en funcións, Marta Álvarez-Santullano, fixo balance en rolda de prensa da solicitude e concesión de tarxetas de residentes dende que entrou en vigor a ordenanza que as regula. En total, foron solicitadas 3.709 das que se concederon 3.303.

Na última zona incorporada ao sistema, a de Ultreia e Espírito Santo, solicitáronse 192 tarxetas e concedéronse 177, das que 76 están pendentes de entrega. No que respecta a Almáciga, as tarxetas concedidas foron 451, de 492 peticións. Nesta zona remataranse de sinalizar as prazas entre hoxe e mañá e cando este traballo esté finalizado darase un prazo de quince días para que os veciños de habituarse antes de comezar a impoñer as sancións correspondentes. As previsións da concellería apuntan a que Ultreia e Espírito Santo estarán sinalizadas antes de que remate o mes. Segundo indicou a concelleira, trátase de que a xente se vaia adaptando pouco a pouco a esta nova situación, por iso se marcan uns prazos antes de que a Policía controle as prazas.

No que respecta aos primeiros barrios, no de Pontepedriña tramitáronse 588 tarxetas e concedéronse 483; en Vite-Guadalupe as concedidas foron 1.021 das 1.153 tramitadas; mentres que en San Pedro se concederon 1.171 sobre 1.284 solicitadas.

A respecto doutros asuntos, a concelleira salientou a súa preocupación e solidarizouse cos comerciantes do Ensanche afectados polos últimos roubos producidos e amosou a súa confianza no traballo da Policía, que está a levar as investigacións.

Compartir: