ALCALDÍA

Santiago acolle o Nobel de Medicina de 1993

09/06/2011 O alcalde compostelán en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi ao Premio Nobel de Medicina en 1993, sir Richard Roberts, que se atopa en Santiago con motivo da sexta edición do Programa ConCiencia, organizado polo Consorcio da cidade e a USC.

Roberts asinou no libro de Honra de Santiago, onde xa estamparan a súa sinatura previamente outros premios nobel que se achegaron a Compostela no marco do programa ConCiencia.

A visita deste científico británico, coñecido por denunciar as farmacéuticas a quen acusa de ralentizar e mesmo frear o desenvolvemento de fármacos, comezou este mércores 8 e culminará cunha conferencia que leva por título Por que me gustan as bacterias?

Richard Roberts recibiu o Premio Nobel xunto con Phillip A. Sharp polo seu descubrimento dos intróns, fragmentos de ADN que están presentes nos xenes pero que non codifican información. O científico descubriu tamén que os xenes poden ser descontinuos, é dicir, que poden estar presentes no ADN en diferentes segmentos ben separados. Ao principio o achado fíxose nun virus típico causante de catarros, o chamado adenovirus, pero pronto se viu que estes intróns son frecuentes en organismos superiores, como o ser humano.

Compartir: