ALCALDÍA

O embaixador de Portugal en España visita Compostela

22/02/2006 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi ao embaixador de Portugal en España, José Filipe Morais Cabral, quen realiza unha visita institucional a Galicia. O embaixador acudiu acompañado pola cónsul xeral de Portugal en Vigo, María Regina Flor y Almeida.

Recibido o martes, 21 de febreiro, pola alcaldesa de Vigo, Corina Porro, o embaixador de Portugal visita Compostela o mércores, 22, onde ademais de ser recibido en audiencia por Sánchez Bugallo ten previsto impartir nesta mesma data unha conferencia sobre "Portugal e España: vencindade ibérica e asociación europea".

Filipe Morais agradeceu as atencións do alcalde e actual presidente do Eixo Atlántico e manifestou que "a cooperación entre as cidades é esencial para profundizar no mutuo coñecemento e confianza".

Sobre o proxecto do tren de alta velocidade, AVE, que unirá nun futuro Porto e Vigo manifestou que se considera vixente o calendario previsto no cumio bilateral hispano-luso celebrado meses atrás na cidade lusitana de Évora, considerando que o devandito enlace "é unha prioridade estratéxica para Portugal", se ben, precisou, o Goberno "ten que optar" e a conexión coa rede europea desde Lisboa vía Madrid segue sendo prioritaria.

A conferencia do embaixador portugués terá lugar ás 19.00 horas do mércores, 22 de febreiro, no Salón de Grados da Facultade de Ciencias Económicas e empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Compartir: