PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Unhas xornadas reivindican o papel da muller na produción cultural galega

07/06/2011 A Concellería de Participación Cidadá colabora nas Xornadas sobre a visibilidade da muller na produción cultural galega e a reflexión crítica da cidadanía Que ves cando me ves?. Esta programa, boa parte do cal se desenvolverá na Casa das Asociacións, pretende promover un espazo común de encontro e relación en torno á análise da diferenza de xénero.

As artes visuais, a investigación, as letras, a tecnoloxía, o activismo, a crítica, o audiovisual, as artes escénicas e as intervencións na rúa combínanse nestas xornadas, presentadas en rolda de prensa pola coordinadora das mesmas, Teófila Noemí Ruiz; pola deseñadora e xestora do proxecto Muller Express, María Chenut; pola comisaria da exposición colectiva de artistas contemporáneas, Paula Cabaleiro; e pola concelleira en funcións de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez.

A coordinadora do proxecto explicou na rolda de prensa de presentación que estas xornadas naceron coa intención de "reunir a maior cantidade de axentes activas na producción cultural para impulsar un espazo de encontro e relación onde coñecernos". "Moitas sabemos das outras a través de redes sociais", sen dúbida un bo medio para "tecer redes, compartir recursos e coordinar axendas", pero falta "o contacto físico", explicou. Así, diversas mulleres artistas e tamén algún home presentan en diferentes formatos actuacións e actividades culturais e recreativas que convidan á cidadanía a reflexionar e actuar.

As actividades xa comezaron o 11 de maio coa exposición fotográfica Contribución da muller ao desenvolvemento sostible, que permaneceu na Casa das Asociacións ata o 31 de maio.

O seguinte evento será o mércores 8 de xuño no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), onde se proxectará, ás 19:30 horas, o documental As silenciadas, de Pablo Ces. O acto ontará coa presenza do director, a guionista e autora da investigación que deu lugar ao filme, Aurora Marco, e o autor da banda sonora., Pilo Sierra, que interpretará algunha peza ao piano. As silenciadas recolle a historia das guerrilleiras galegas represaliadas na Guerra Civil.

Intervencións na rúa, exposición e poesía
Este mesmo día,realizaranse intervencións artísticas na rúa a cargo de María Chenut e Branda (Óscar Brandariz). Muller Express é un proxecto consistente nun panel de madeira no que calquera muller pode meter a cabeza para retratarse como unha superheroína cunha cesta onde coloca os obxectos que a representan. "Sempre andamos a todo, facemos malabares coa vida laboral, na casa, cos desexos, coa limpeza...", explica Chenut. As fotografías colgaranse logo na web das xornadas. Muller Express estará o venres 10 en Xoán XXIII, no Toural e na Alameda; e os sábados 11 e 18 na praza Roxa.

A exposición de artistas contemporáneas Que ves cando me ves abrirase o 10 de xuño na Casa das Asociacións. Paula Cabaleiro é a comisaria desta mostra,na que se poderá gozar de diferentes perspectivas das cuestións de xénero como "unha materia dúctil na súa arte contemporánea desde moitas disciplinas", segundo explicou. Fotografía, pintura, videoproxección, libro de artista, debuxo, escultura, instalación… amosan o que é a arte contemporánea feita por mulleres a través de temáticas como a maternidade, a ambigüidade de xénero, a transexualidade, a imaxe da muller na sociedade e nos medios de comunicación ou o maltrato. Propoñen unha "revisión diverxente destas cuestións", dixo. A exposición estará aberta ata o 30 de xuño.

A seguinte cita será o 17 de xuño, tamén na Casa das Asociacións, cun recital de poesía e videocreación no que participarán poetas de diferentes xeracións e estéticas. A actividade denomínase Expulsadas do Parnaso.

Carpa na Praza Roxa e debate
Unha carpa na Praza Roxa será o escenario das xornadas recreativas A beleza está na rúa, o sábado 18 de xuño. Durante toda a mañá haberá sesións de contos, estampado en directo de mandís ou bolsas da compra, micrófono aberto, un espectáculo literario e mesmo unha presentación editorial. Segundo Teófila Noemí Ruíz, este evento trae a Santiago "o espírito do maio francés, onde a xente nova e as mulleres eran axentes activos da sociedade".

Esa mesma mañá, o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que simbolizan "os proxectos que ao longo da historias se anularon por ser as súas promotoras femininas", segundo explicou Paula Cabaleiro, integrante e fundadora deste colectivo. "Convidamos a que espectadores e viandantes axuden a liberar eses proxectos que irán cara arriba, cara o ceo de Compostela", apuntou.

Tres días despois, de novo na Casa das Asociacións, mesas de comunicación e debate. O día 21 falarase sobre as cuestións de xénero na produción cultural e sobre creación, xestión, crítica e activismo. O 22, debate sobre mulleres investigadoras e universidade.

Artes escénicas
Estas actividades compleméntase con outras, organizadas por dúas salas compostelás, que compartirán axenda e farán visibles as producións das mulleres nas artes escénicas. O 8 e o 16 de xuño, a Factoría da Fundación Granell, acollerá My own life, unha intervención para-teatral a cargo de Xiana Carracelas, Iria Sobrado e Nerea Barros. E o 17 e o 18 de xuño, Helen Bertels leva o seu espectáculo de danza e teatro Wir Frauen á Sala Nasa.

Tamén interviu na rolda de prensa concelleira en funcións de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, quen convidou a participar "activamente" a toda a cidadanía e gabou a colaboración voluntaria de todas as participantes

Direccións relacionadas



Compartir: