EDUCACIÓN E SEGURIDADE CIDADÁ

Os pequenos da Escola Infantil de Fontiñas demostraron a súa disciplina ante unha situación de emerxencia

07/06/2011 A Escola Infantil Municipal das Fontiñas acolleu un simulacro de evacuación, o primeiro dos que se prevé realizar nas escolas infantís e centros de primaria da cidade, no marco do Programa Municipal de Seguridade e Autoprotección dos Centros Escolares. Os pequenos demostraron a súa preparación e disciplina, xa que, nunha situación de incendio, desaloxaron a Escola dous minutos e cinco segundos.

O xefe do Servizo de Extinción de Incendios de Santiago, Xesús Martínez, expresou a súa satisfacción pola resposta dos rapaces, porque "fixérono moi ben e saíron rapidamente para fóra". Tamén foi rápida a reacción dos Bombeiros, que se chegaron ao lugar en tres minutos. A operación desenvolveuse nun total de oito minutos.

Recordou o responsable dos Bombeiros de Santiago que "a primeira pauta que se lles dá aos pequenos é como se deben comportar cando oen o asubío de alarma. Saben que teñen que estar xuntos, ir pegados á parede e sempre coa súa profesora".

Neste simulacro en concreto contemplouse a situación dunha profesora atrapada polo lume no interior da Escola. Un equipo de rastrexo e outro de extinción dos Bombeiros posibilitaron o éxito e a rapidez do rescate.

Compartir: