ALCALDÍA

O Blu:sens Monbus brindou o ascenso á ACB á cidade e aos seus fieis afeccionados

04/06/2011 Só un día despois do seu ascenso en Burgos á liga ACB, o Blus:ens Monbus quixo estar con toda esa afección que non se puido desprazar a terras castelás, pero que apoiou incansablemente ao equipo en toda a temporada. Alí, na praza do Obradoiro, xogadores, técnicos e directivos brindaron o triunfo á cidade.

Como parte dos actos, o equipo foi recibido en Raxoi polo alcalde en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a Corporación. Foi momento para agradecer o esforzo, o traballo e o compromiso de xogadores, técnicos e directivos do Blu:sens Monbus. Estes, pola súa parte, tiveron un especial recordo para todos os fieis siareiros que acompañaron o equipo nos partidos de Sar e en moitos desprazamentos.

Hai uns meses, o Obradoiro fora recibido tamén en Raxoi con motivo da consecución da Copa Príncipe. Por entón todos quedaron emprazados para celebrar o verdadeiro obxectivo da temporada: o ascenso á categoría perdida na campaña anterior. Agora, Santiago volve a estar na ACB e na elite do baloncesto español.

Compartir: