PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Venezuela máis descoñecida, na Casa das Asociacións de Cornes

03/06/2011 A Casa das Asociacións acolle as Xornadas Interculturais A Venezuela descoñecida. Teatro, conferencias e exposicións amosarán diversos aspectos da cultura e da historia deste país. Hoxe, máis de 2.000 venezolanos residen en Galicia.

A concelleira de Participación Cidadá en funcións, Guadalupe Rodríguez, presentou estas xornadas, organizadas en colaboración coa Asociación de Venezolanos de Santiago (AVESANTI). A súa presidenta, Fanny Luna convidou a todos os venezolanos e a todos os Galegos a participar nestas xornadas.

O domingo 5 de xuño, ás 20:00 horas, representarase no Teatro Principal a obra A Patria é unha muller. Segundo explicou o seu director, Obel Hidalgo, esta obra pretende "dar a coñecer a achega da muller venezolana ao proceso de independencia e facer de Venezuela o que é hoxe". Na representación, escrita por Judith Rodríguez, aparecen tres mulleres das moitas que percorreron o país, coas súas loitas, dores e amores. Tres mulleres que aínda percorren o país amosando a outra cara da historia.

Tres días despois, o mércores 8 de xuño, na explanada da Casa das Asociacións, o grupo teatral Andarín Cósmico representará Muller, palabra e canción. Este proxecto preséntase con dous monólogos: Eu e a miña visión do mundo, por Geraudi González e Néstor Mendoza, e Historia de amor para ser cantada, por Chela Palacios.

As xornadas continúan o sábado 11 de xuño, ás 10.00 horas, tamén na Casa das Asociacións, coa expo-feira A Venezuela descoñecida, na que se amosará artesanía típica da rexión centro-norte-costeira. Ademais, Chela Palacios pronunciará a conferencia Os muñequeiros en Venezuela.

Unha semana despois, o 18 de xuño, á mesma hora e no mesmo lugar, Chela Palacios falará sobre A muller venezolana na novela de Rómulo Gallegos "Dona Bárbara". Alí continuará igualmente a exposición.

Para o mércores 22, ás 18:00 horas, preparouse unha tarde de tambores sanxoaneiros, ademais dunha conferencia sobre a festa de San Xoán.

A última parte destas xornadas abrirase o 5 de xullo, ás 19.00 horas, coa inauguración na Casa das Asociacións da exposición Luces acrisoladas de Venezuela, composta por fotografías do artista plástico caraqueño Mauricio Villamizar. Este preparou tamén unha performance multimedia e unha pequena conferencia. A mostra estará aberta ata o 16 de xullo. Este mesmo día haberá un intercambio gastronómico Galicia-Venezuela.

Compartir: