FESTAS

O mellor espectáculo de percusión de Europa aterra en Santiago da man do grupo Sistem

02/06/2011 As Festas da Ascensión por todo o alto cun concerto multitudinario no Campus Vida, con Di Elas e Novedades Carminha como protagonistas. E no día grande das Festas celebrouse o Concurso Cabalar Ascensión 2011 no Mercado Nacional de Gando de Santiago, en Amio.

Segundo o fundador e coordinador da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobe Pérez Paz, a feira e o concurso contaron cunha alta participación, máis de 20.000 persoas que aproveitaron o bo tempo da mañá para achegarse ata o recinto feiral. Tamén recibiu o apoio institucional do alcalde en funcións de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o concelleiro de Sanidade, Consumo e Mercados, Andrés Fariña; e o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro.

Do mesmo xeito, na entrega de premios e presenciando o espectáculo de doma, o máis aplaudido da xornada, estiveron o consellerio de Medio Rural, Samuel Juárez, en calidade de director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGACER); o xuíz oficial da Escuela de Jueces PRC, Roberto Miniño; e o presidente da Comisión de Actividades Rurais da Federación Hípica Galega, Joaquín González Troncoso.

Na sección de doma, os sementais executaron unha serie de fermosos exercicios combinados de doma de alta escola e fantasías ecuestres na pista central de exhibicións. Aires de alta escola, como piaffe, passage, paso español, corbetas, elevadas, cabriolas ou parapetos foron realizados polos sementais Artes e Azabache, dous cabados de Pura Raza Galega da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

En canto ao número de cabezas de cabalos, a feira contou coa participación de 441 reses (entre cabalos, burras e mulas), ademais dalgunha mostra de gando asnal. Tras todas as exhibicións e concursos oficiais, onde participaron un total de 50 cabezas, chegou o momento de deliberación e entrega de premios. Estas actividades tiveron moita concurrencia de público e unha alta calidade das gandeirías participantes chegadas de Santiago, Boqueixón, Teo, Ferrol ou mesmo de Oza dos Ríos. Segundo Xacobe Pérez, a feira e o concurso cabalar de Amio aguantaron o tirón e resistiron mellor que as convocatorias da Pascua de Padrón e do San Marcos de Noia. Os premiados foron os seguintes:

Concursos Morfolóxicos:

- Modalidade Cabalo de Pura Raza Galega: 1º premio: Balboa, de Manuel Piñón (Sergude, Boqueixón).

- Modalidade Egua de Pura Raza Galega: 1º premio: Leixa, de José Fandiño (Ferrol).

- Modalidade Cabalos Cruzados: 1º premio: Mozárabe, de Martiño Iglesias (Teo).

- Modalidade Eguas Cruzadas: 1º premio: Limonera, de Diego Cajaraville (Recesende, Teo).

Gran premio institucional do Concello de Santiago Dragóns de Santiago 2010:

- Cabalo Balboa, con 69,5 puntos, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, de Manuel Piñón de Sergude (Boqueixón). Fíxoselle entrega dunha praca conmemorativa doada polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino. Trátase dun premio institucional subvencionado polo Concello de Santiago de Compostela, o Ministerio de Medio Ambiente e a Federación Española de Asociaciones de Ganado Selecto.

Xogos alternativos para os máis pequenos na Alameda
Para todos os nenos e nenas da cidade, a Concellaría de Festas organizou pola tarde unha sesión de xogos infantís no Paseo Central da Alameda. Garabato de Xogo é unha idea original e diferente, con máis de trinta xogos elaborados con materiais reciclados e recuperados para o goce de todos os cativos e os seus acompañantes. Son xogos que permiten relacionarse mellor socialmente, incentivando o espírito solidario cos demais ao non fomentar a competitividade. A orixinalidade, a sinxeleza dos xogos e a dinámica que xeran en todos os públicos fai que teñan un pouco de teatro de rúa, de animación e de exposición plástica.

E pola noite máis música no Campus Vida co concerto de balde de Chenoa. E no Toural, a americana Devil Doll.

Espectáculo romanés de percusión
Na xornada do venres 3, principiará na Alameda o tradicional Campionato de Chave, que chega á súa trixésimo quinta edición. As 20:00 horas comezará a inscrición dos participantes, que se pechará media hora máis tarde para dar inicio á primeira fase do concurso. O sábado continuará o campionato a partir das 16:30 horas. Pola noite, actuará a orquestra Marimba no Paseo Central da Alameda, ás 22:00 horas.

Tamén na xornada do venres haberá unha actuación musical, neste caso a cargo duns expertos en percusión chegados dende Romanía, o grupo Sistem. Esta actuación de balde, organizada en colaboración co Instituto Cultural Rumano, comezará ás 22:00 horas no Campus Vida.

Sistem é o mellor espectáculo musical rumano do momento e conta cunha prestixiosa traxectoria internacional e un amplo repertorio musical, con música feita con barrís metálicos e plásticos, combinado con efectos de auga, láser e pirotecnia.

E a partir das 23:00 horas na praza do Toural actuará Leilía. Esta agrupación galega, composta por cinco mulleres, levan difundindo dende finais dos 80 a música tradicional galega ao son de pandeiretas e voces. O seu derradeiro disco, Son de Leilía, é un percorrido pola historia do grupo no que se mesturan pezas tradicionais e outras que non o son tanto, froito dun repertorio menos coñecido e de colaboracións que foron xurdindo con artistas como Milladoiro, Budiño, Bleizi Ruz e outros, xunto a temas como a peza central da banda sonora da película Fisterra. Como recoñecemento a tantas outras mulleres galegas que loitan pola música tradicional, este traballo configúrase ao redor de tres instrumentos: guitarra, acordeón e contrabaixo.

Compartir: