CONSORCIO

O Consorcio restaura "As dúas Marías"

01/06/2011 O Consorcio de Santiago está este días a restaurar a coñecida escultura de As dúas Marías, situada na entrada principal da Alameda. A escultura, cuxa pintura estaba moi deteriorada, está a ser repintada polo seu autor, César Lombera, quen aproveitará para cambiarlle a apariencia aos vestidos das dúas mulleres, seguindo a documentación fotográfica existente sobre estes populares personaxes da cidade.

O Consorcio tamén vai colocar ao carón da escultura unha placa conmemorativa realizada en granito que identificará a obra. O seu texto di:

As Dúas Marías

Maruxa e Coralia Fandiño

Inesquecibles personaxes, insólitas e entrañables, que paseaban puntualmente as rúas coas súas coloridas vestimentas e os seus angulosos e encalados rostros, ilusionadamente pintados con colorete, carmín e rimel azul e negro.

Por esa reivindicación de liberdade e tolerancia foron aldraxadas e humilladas por os que hoxe xa son esquecidos

Elas forman parte para sempre da memoria colectiva de Compostela

Lombera está procedendo ao lixado e empastado da escultura para sanear os desperfectos da mesma. A continuación procederá ao policromado con aerógrafo e pintura industrial de tres compoñentes (a mesma que se utiliza para os coches). O conxunto da actuación ten un custo de algo máis de 3.000 euros

A escultura de As dúas Marías foi inaugurada en 1993 e está realizada en bronce policromado.

Compartir: