CONSORCIO

O Nobel de Medicina Richard Roberts abre a sexta edición do Programa ConCiencia

01/06/2011 O Premio Nobel de Medicina en 1993, Richard Roberts, inaugurará a sexta edición do Programa Conciencia. A visita deste científico británico, coñecido pola denuncia que fai das farmacéuticas a quen acusa de ralentizar e mesmo frear o desenvolvemento de fármacos –"o fármaco que cura de todo non é rendible", chegou a dicir recentemente a un xornal catalán-, inclúe, como é habitual, unha rolda de prensa, unha conferencia aberta ao público en xeral e unha reunión con persoal investigador.

As actividades de Roberts en Santiago concéntranse nos días 8 e 9 de xuño, nos que terá unha comparecencia ante os medios de comunicación (o mércores 8) e a conferencia que pronunciará o xoves 9, ás 20:00 horas, na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Carreira do Conde, 18) baixo o título Por que me gustan as bacterias?.

Richard Roberts recibiu o Premio Nobel xunto con Phillip A. Sharp polo seu descubrimento dos intróns, fragmentos de ADN que están presentes nos xenes pero que non codifican información. O científico descubriu tamén que os xenes poden ser descontinuos, é dicir, que poden estar presentes no ADN en diferentes segmentos ben separados. Ao principio, o achado fíxose nun virus típico causante de catarros, o chamado adenovirus, pero pronto se viu que estes intróns son frecuentes en organismos superiores, como o ser humano.

O seu descubrimento non foi só de importancia capital como fundamento da moderna bioloxía, senón que o foi tamén para investigación médica orientada no eido do cancro e outras enfermidades.

Richard J. Roberts
Richard Roberts (1943, Derby, Inglaterra, 1943) estudou Química en Inglaterra, pero foi en Estados Unidos onde desenvolveu a súa actividade docente e investigadora, concretamente en Harvard e no Cold Spring Harbor Laboratory de Nova York. Dende 1992 dirixe os traballos de investigación do Biolabs Institute, de Beverly, (Massachusetts).

Compartir: