EDUCACIÓN

Visita didáctica dos nenos da Escola Infantil de San Roque a "Un mundo de posibilidades"

01/06/2011 O venres 3 de xuño, ás 10:30 horas, o grupo de nenos e nenas de 0 a 3 anos da Escola Infantil de San Roque realizará unha visita didáctica á exposición Un mundo de posibilidades, aberta na Fundación Torrente Ballester.

As escolas infantís de Santiago de Compostela, Tambre, Conxo, Fontiñas e San Roque, coordinadas polo Departamento de Educación do Concello, son protagonistas desta primeira exposición colectiva. Recolle o traballo realizado ao longo do curso escolar 2010-2011, coa colaboración do artista plástico Xesús Carballido quen, utilizando a técnica do collage obxectual, pretende introducir os nenos e nenas no mundo da arte, de maneira amena e divertida, contribuíndo ao desenvolvemento harmónico da súa personalidade, así como sentar as bases que axuden a desenvolver a súa sensibilidade artística.

Unha das experiencias máis recordadas deste proxecto de arte foi a realización da 1ª edición, desenvolvida ao longo do ano 2007 na Escola Infantil Municipal de Conxo, na que participou un grupo de nenos e nenas de entre 3 e 6 anos do obradoiro de arte. Neste ano 2011, a rede de escolas infantís de Santiago renova o seu compromiso co traballo creativo dos máis pequenos.

A mostra divídese en catro ámbitos, nos que se ofrece ao visitante unha ollada ao traballo artístico que se desenvolveu nas escolas infantís e ás sensacións e emocións que xurdiron neste proxecto. No primeiro atopamos as 4 caixas, que constitúen a parte máis importante da exposición, recollendo unha selección dos obxectos máis significativos na vida dos nenos e das familias participantes neste proxecto. A continuación atópanse os obxectos non seleccionados pero que forman parte da exposición (Xesús Carballido é un magnifico recuperador de obxectos aos que o tempo deixa sen función, e, polo tanto, sen sentido). A terceira parte son as proxeccións, que dotan de movemento á exposición, recollendo as imaxes cotiás do traballo realizado. Finalmente, unha selección fotográfica amosa as fases máis importantes desta iniciativa de creación.

Compartir: