FESTAS

Chenoa animará a noite do xoves da Ascención cun concerto gratuíto no Campus

01/06/2011 O concelleiro de Festas en funcións, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa os actos centrais do Día da Ascensión. Estivo acompañado por Xacobe Pérez Paz, coordinador e fundador da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, quen informou sobre o programa da Feira Cabalar que, como xa é habitual nestas datas, celébrase no Mercado Nacional de Gando de Santiago, en Amio.

Tal como indicou Xacobe Pérez, a partir das 9:30 horas abriranse as inscricións para os diferentes concursos, que se desenvolverán ao longo da mañá. Trátase do concurso oficial puntuable para a Copa Galicia de Pura Raza Galega, o concurso morfolóxico de cabalos cruzados, o concurso morfolóxico de eguas cruzadas, así como un concurso de andadura galega.

Ás 12:30 entregaranse os premios das diferentes categorías, ademais do Gran Premio "Dragóns de Santiago", o trofeo institucional do Concello de Santiago de Compostela, que xa ten unha traxectoria de dez anos e recae no cabalo ou egua de pura raza galega que acade maior puntuación nos diversos concursos morfolóxicos. E os máis pequenos poderán asistir de xeito gratuíto á escola infantil de monta en ponis.

Os asistentes terán tamén a oportunidade de gozar do espectáculo de doma Duende ecuestre<7em>. Os sementais da sección de doma do Centro de Referencia do Cabalo de Pura Raza Galega, con sede en Sergude (Boqueixón), executarán "unha serie de fermosos exercicios combinados de doma de alta escola e fantasías ecuestres", sinalou Xacobe Pérez-.

"As exhibicións irán acompañadas por sintonías musicais galegas, a base de temas populares de pandereteiras e un vals sinfónico galego", explicou o coordinador da iniciativa. Os domadores David Gaciño e Antonio Cabo lucirán o traxe de gala dos Domadores Galegos, composto de polainas de coiro, cirolas, calzón, camisa con botóns de liño, chaleco con botonadura dourada, chaqueta con goiescas nos puños, pano de cabeza e sombreiro con pluma.

Xosé Baqueiro destacou que "a edición anterior esta feira cabalar congregou a unhas 20.000 persoas e a máis de 700 cabalos procedentes de diferentes puntos de Galicia". Segundo as previsións, este ano podería superarse a cifra de asistencia de público. O concelleiro animou ás familias e tamén aos máis novos a que acudan a esta feira. E lembrou que as festas da Ascensión naceron precisamente en torno á feira cabalar, que nos seus inicios celebrábase na carballeira de Santa Susana.

Folclore nas rúas da cidade
Ademais da arte cabalar, a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto na rúa do Vilar, ás 12:00 horas. E durante todo o día as agrupacións folclóricas Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar, Brincadeira e a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras actuarán polas diversas prazas do casco histórico; estarán en Praterías, Cervantes, na Inmaculada e no Toural. Pola súa parte, o grupo de música tradicional A Ponte Vella realizará varias actuacións na carballeira de Santa Susana, entre as 13:30 e as 14:30 horas.

A praza das Praterías será o centro de actuacións da comparsa de cabezudos, que comezará ás 12:30 horas. Dende media mañá e ao longo de toda a tarde, haberá pasarrúas coa charanga TNT. E os máis novos terán o seu propio espazo de lecer, con xogos para nenos e nenas de todas as idades no Paseo Central da Alameda, a partir das 17:00 horas. Xa pola noite, ás 22:00 horas, no Paseo Central da Alameda actuará a orquestra Tango.

Chenoa no Campus Vida e Devil Doll no Toural
No Campus Vida, a cantante Chenoa ofrecerá un concerto gratuíto a partir das 22:00 horas, en colaboración con Cadena Dial. Coñecida polo seu paso polo programa de televisión Operación Triunfo, a artista logrou facerse un oco no panorama musical nacional e latino. Presentará ao público de Santiago o seu último traballo, Desafiando la gravedad, publicado en 2009 e que gravou en Miami. É o seu quinto álbum de estudio e componse de doce cancións, mestura de pop, rock e mesmo funk, blues e swing; coa colaboración de artistas como Gloria Trevi e Coti.

A americana Devil Doll actuará ás 24:00 horas na Praza do Toural. É a introdutora do "burlesque" no rock, propoñendo unha fusión entre a estética pin-up e os sons máis sensuais con base de swing en provocativa combinación coa dureza do punk.

Compartir: