CULTURA

Compostela Máxica converte a cidade na capital da maxia durante unha semana

01/06/2011 A concelleira en funcións de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o Mago Antón presentaron a V Semana Internacional do Ilusionismo Compostela Máxica, que se celebra do 6 ao 12 deste mes.

Dezaoito magos ofrecerán diferentes espectáculos nas prazas, nos Centros Socioculturais, nos hospitais, nos centros de ensino especial, no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. Ademais, durante toda a semana estará instalado na Alameda o Castelo Máxico, no que tamén se desenvolverán diversas actividades.

A concelleira, que destacou que a xestión do programa lévaa a cabo unha empresa seleccionada a través dun concurso público, amosou o seu desexo de que o programa continúe e o faga ademais medrando. Pola súa banda, o Mago Antón destacou a importancia para os magos galegos deste festival, por ser na capital galega e por manterse xa cinco anos o que, para eles, o consolida.

Así, adiantou que esta fin de semana promocionarase o festival facendo aparecer por arte de maxia nubes de algodón pola cidade que convidarán aos composteláns a gozar da semana máxica. Xa o luns dará comezo a programación oficial, que ofrecerá, ata o domingo, 66 espectáculos do máis variado, entre os que haberá maxia para escolares, nos centros socioculturais, nos hospitais, nos centros de educación especial e nas prazas e rúas. Neste sentido cabe destacar o Castelo Máxico, que se colocará no paseo Central da Alameda e no que haberá programación propia.

O punto álxido do festival será nas catro galas que se desenvolverán no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia, todas as 21.00 horas. O xoves 9 e o venres 10 teremos a Gala Con denominación de orixe no Teatro Principal, que contará cos magos Martín Camiña, Mago Cali, Jessica Guloomal, Martín Varela, Cayetano Lledó e o Magomimo Anyo. O sábado 11 e o domingo 12 será a Gala Internacional, que se celebrará no Auditorio baixo o nome Gala Campo de Estrelas. Nela participan os magos Charlie Mag, Erick Lantine & Valerie, Jérome Murat, Mago Vituco e Norbert Ferré, presentados por Miguel Puga.

O prezo das galas é de 10 euros no Auditorio de Galicia, co 50% de desconto para estudantes e xubilados; e de 5 euros, prezo único, no Teatro Principal. As entradas están xa á venta en www.caixagalicia.es ou no 902 43 44 43. O resto de actividades son de balde.

Documentos relacionados



Compartir: