MEDIO AMBIENTE

As cancións voarán en Belvís da man de Ugia Pedreira e Fred Martins

01/06/2011 A concelleira de Medio Ambiente en funcións, Elvira Cienfuegos, presentou Acróbata, o novo traballo de Ugia Pedreira e Fred Martins, que actuarán o xoves 1 e o venres 2 no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, situado no parque de Belvís. As entradas poden adquirirse por 8 euros en aCentral Folque, ou por 15 euros o disco e a entrada.

"Se ben é habitual que os creadores e creadoras de arte do noso país respondan ás chamadas dos defensores do medio ambiente, neste caso Ugia Pedreira e Fred Martins tomaron a iniciativa, motu propio, de contribuír con este traballo á sensibilización por un medio ambiente mellor", dixo Elvira Cienfuegos. "Así que non podo senón agradecérllelo e felicitalos por esta iniciativa, que eles presentan como unha aposta pola calidade do aire, da auga e da terra da que obtemos os alimentos", engadiu.

A concelleira sinalou que este disco se chama Acróbata "porque quixeron que a alma do disco fose o carrán ou charrán, unha ave mariña, protexida, escasa, de voo acrobático. Non veremos o carrán en Santiago, pero poderemos ver a Ugia e a Fred Martins facendo voar as cancións de Acróbata, co aletexo da lingua galega e da brasileira, no Centro de Interpretación Ambiental de Belvís".

Con motivo da presentación do disco, está previsto un paseo ornitolóxico con Joâo Aveledo, o xoves 2 de xuño ás 19:00 horas, que partirá do propio Centro de Interpretación Ambiental, destinado a todos os interesados e interesadas que desexen aprender a recoñecer e identificar as aves do parque de Belvís.

Ugia Pedreira é xa unha artista e compositora consolidada no panorama artístico galego. É unha das caras visibles de proxectos musicais xa coñecidos como Nordestin@s, Ecléctica Esemble ou Marful, entre outros. Fred Martins xa ten publicados catro discos como cantor e compositor. Os seus temas foron gravados por artistas universais do Brasil como Ney Matogrosso, Maria Rita ou Zélia Duncan.

Acróbata é orballo quente de verán, chuvia lenta que abona. "É un disco feito para fantasear, para soñar en branco e negro e cor. As cancións voan e teñen a súa propia autonomía", afirmou Pedreira. Pola súa banda, Fred Martins incidiu na idea de que "este traballo activa mediante a palabra o circuíto dos sentimentos; é un disco con ás".

Acróbata foi gravado nos Estudios Beograd, no Auditorio de Galicia e no Conservatorio de Ourense, sendo técnico Arturo Valdasano. As gravacións adicionais foron realizadas por Quim Farinha, Luis Peixoto, Germán Díaz, Marcelo Martins e Marcos Suzano. Este traballo está producido e dirixido musicalmente por Pedro Pascual, mesturado e masterizado en Savik Sound (Caritel-Ponte Caldelas) co técnico Xosé Trincado "Triki" en marzo de 2011.

Compartir: