ALCALDÍA

Sánchez Bugallo reitera ante o reitor o seu apoio permanente á USC

01/06/2011 O alcalde en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse co reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long. Seguiu así coa súa rolda de despedidas cos responsables das principais institucións con sede en Santiago antes de deixar o cargo.

Sánchez Bugallo agradeceu a colaboración que sempre atopou coa USC: "Para nós a universidade non só é un socio fundamental, senón unha parte fundamental da cidade; sen ela sería totalmente diferente. Á parte do seu papel histórico e estratéxico, achega de intelixencia e coñecemento, colaboramos con ela en todos os sentidos, en multitude de sociedades conxuntas económicas e sociais".

Indicou que "na nova situación na que me atoparei, seguirei pelexando por Santiago e a súa Universidade, que veñen sendo a mesma cousa, e terá o meu apoio permanente". Ademais, apuntou que "espera poder chegar a acordos institucionais co novo alcalde, sobre todo ao respecto da Facultade de Medicina. Neste momento cómpre que esteamos todos xuntos".

Pola súa parte, Casares Long resaltou o apoio importante do alcalde en funcións para resolver os temas que foron xurdindo, como a modificación do Plan Especial para a construción de novos edificios do Campus Vida. "Sempre mirou polos intereses da cidade e da USC, polo que lle expreso o meu agradecemento á persoa do alcalde e de Xosé A. Sánchez Bugallo", engadiu.

Compartir: