FESTAS

As Festas da Ascensión comezan co concerto gratuíto de Di Elas no Campus Vida

31/05/2011 As Festas da Ascensión comezan o mércores 1 de xuño cun programa composto por máis de 50 actuacións musicais distribuídas ao longo de cinco xornadas (1-5 de xuño), ademais de charangas e pasarrúas, actividades tradicionais de folclore, deporte e as novas prácticas urbanas relacionadas co skate.

A primeira xornada das Festas comezará co tradicional disparo das bombas dende a igrexa de Santa Susana, ás 12:00 horas. A partir do mediodía varios grupos de gaiteiros realizarán os seus pasarrúas, acompañados pola comparsa de cabezudos e a charanga TNT. Pola noite, ás 23:00 horas actuará a orquestra Philadelphia no Paseo Central da Alameda.

Á mesma hora, o Campus Vida reunirá a toda a xuventude nos concertos gratuítos de Di Elas e Novedades Carminha. A banda Di Elas, máis coñecida porque conta entre os seus membros co talento do actor galego Luis Tosar, segue un estilo power-rock que acaba de plasmar no seu primeiro traballo homónimo, que saíu á luz o 29 de marzo. Como antecedentes, no 2008 todos os seus compoñentes uníronse en The Ellas, tocando en directo en salas como A Nasa, El Sol e BBK Live un repertorio con versións de grupos liderados por mulleres, construíndo un son propio que os levou no ano 2010 a compoñer temas propios. Neste primeiro disco, Piti Sáez e Luis Tosar compoñen os once temas.

Pola súa parte, os composteláns Novedades Carminha presentan tamén o seu último traballo na cidade, chamado Jódete y baila. Os dez temas do disco teñen un son garaxeiro, de música de baile, ao estilo de bandas americanas da nova onda de garaxe, coma Black Lips, Jacuzzi Boys ou Harlem.

No Toural, tamén haberá ración de música da man da banda de Rico McClarin & Marcos Coll Band, un dos mellores shows de música negra que se poden ver actualmente en Europa.

O cantante, batería e actor de Miami Rico McClarin traballou con lendas como George Clinton ou Jaco Pastorious. Destaca pola súa versatilidade, que abarca dende blues rudos e desgarrados ata baladas de soul. Nesta ocasión, chega a Santiago dentro da súa xira mundial, acompañado polo harmonicista Marcos Coll, de Reyes del KO, probablemente un dos máis importantes embaixadores da música compostelá e un dos mellores instrumentistas de harmónica de Europa. Este tour finalizará coa actuación da banda internacional no Festival de Blues de Kingsasha na República Democrática do Congo.

Compartir: