ALCALDÍA

O alcalde en funcións considera improrrogable a ocupación do Obradoiro

27/05/2011 "Esta é unha situación que non é prorrogable", indicou o alcalde en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, en referencia ao campamento de protesta instalado na praza do Obradoiro dende hai nove días. Por este motivo, trasladou un requirimento formal para que se poña fin a esta situación e falará deste tema persoalmente co ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, na xornada do sábado.

Sánchez Bugallo considera que "non se pode permitir a ocupación indefinida" da praza do Obradoiro, polo que "a Administración Pública debe poñer fin a esta situación irregular". Recordou que os manifestantes "teñen anunciada a súa marcha para o domingo, pero en caso de que non sexa así, terá que ser igualmente".

"Doce días son tempo abondo para a expresión dunha protesta", indicou, recordando que a ocupación da praza do Obradoiro incumpre as normas "sanitarias, medioambientais, urbanísticas e de ocupación da vía pública". Por todo isto, demandou unha solución ao Ministerio do Interior e confía en "non ter que trasladar este problema ao meu substituto.

Toma de posesión da nova Corporación
O alcalde en funcións afirmou tamén en rolda de prensa que "todo parece indicar que a toma de posesión da nova Corporación será o 2 de xullo", á vista dos probables recursos electorais presentados ante a Sala do Contencioso. Ademais, reiterou a "dispoñibilidade" manifestada ao alcalde electo para facilitar a transición nas distintas áreas de Goberno e servizos municipais.

Compartir: