CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese a web de "A memoria da xente", que recompila os documentos desta exposición

25/05/2011 O Departamento de Centros Socioculturais puxo en marcha A memoria da xente, iniciativa que pretendía recompilar a través da memoria dos propios veciños e veciñas a intrahistoria de Compostela de 1900 a 1975. Agora, para completar este proxecto, ábrese a web www.santiagosociocultural.org/amemoriadaxente, na que se poderán ver todos os documentos que estiveron incluídos na exposición, ademais de poder enviar material novo para que sexa incorporado.

A memoria da xente naceu para achegarse, dende a lembranza e a participación dos propios veciños, ao fío do tempo da nosa cidade e das nosas parroquias, co obxectivo de mirar dende o presente a intrahistoria e o latexo cotián dunha terra (Santiago de Compostela) e dun tempo (1900-1975) que entendemos que nos axuda, no presente, a saber quen somos e de onde vimos.

Dende a Concellaría entenden que non tería sentido, por inabarcable, pretender recoller nela de xeito exhaustivo a memoria coral de cada época, parroquia, barrio. Pola natureza do seu contido, necesariamente esta exposición só pode comprenderse como punto de partida, como inicio dun proceso aberto que debe ser enriquecido polas achegas, comentarios, lembranzas, documentos e imaxes dos que en cada lugar a visiten. Coa exposición A memoria da xente pretendíase, en definitiva, non ofrecer unha mostra pechada do que algún día fomos senón, moi pola contra, servir de incitación suxerinte, de convite amable a un exercicio – obrigatoriamente colectivo e máis amplo no tempo e no espazo – de achegamento á memoria das xentes de Compostela.

As persoas que habitan a cidade, os oficios, os costumes e as tradicións, o urbanismo, os xeitos e maneiras de festexar, o activismo social, cultural e deportivo, os ritos están nela presentes a través de sete paneis divulgativos, tres audiovisuais e un intenso programa de actividades que están sendo programadas ao longo do 2011.

A exposición, que comezou o seu percorrido no CSC do Castiñeiriño e que está agora aberta ao público no CSC da Trisca, abre unha nova xanela, nesta ocasión virtual, coa presentación pública dunha páxina web, www.santiagosociocultural.org/amemoriadaxente, na que calquera veciño/veciña de Compostela poderá:

· Facer un percorrido polos paneis e vídeos que conforman a exposición e mesmo poderá imprimir os textos e imaxes dos paneis e descargar os vídeos.
· Consultar a programación, en que centro ou local sociocultural está a exposición e informarse sobre as diferentes actividades complementarias programadas.
· Interactuar a través das redes sociais, facebook e twitter.
· Achegar o material gráfico, fotográfico ou documental que considere de interese para o arquivo da Rede de Centros Socioculturais.
· Ver, imprimir e descargar as fotografías que a veciñanza foi cedendo dende que se inaugurou a exposición.
· Seguir o día a día das actividades relacionadas coa recuperación da nosa memoria colectiva que se están a desenvolver dende a Concellaría a través dun blog.

Compartir: