TURISMO

Santiago(é)Tapas presenta o libro "mmm... máis de 100 receitas de tapas"

24/05/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo en funcións, Xosé Manuel Iglesias, e o director de Meubook, Fernando Jiménez, presentaron na Libraría Couceiro mmm... máis de 100 receitas de tapas, o libro da IV edición de Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas da cidade, organizado por Turismo de Santiago e enmarcado nesta ocasión nos actos do 800 aniversario da Catedral.

O libro recolle as receitas das 113 tapas dos 60 establecementos participantes este ano no concurso, ademais das recitas das tapas gañadoras na edición de 2010. Trátase dun documento que sintetiza o presente da gastronomía de Santiago e onde se recolle un amplo e diverso abano de suxestións gastronómicas. Tamén se concibe coma unha ferramenta promocional da cidade como destino turístico, polo que o texto está en galego, castelán e inglés.

mmm... máis de 100 receitas de tapas ten un prezo de 20 euros e pode adquirirse na oficina de Turismo de Santiago, na Libraría Couceiro ou por Internet, na páxina www.meubook.com. Nesta páxina pode adquirise tamén en formato de e-book, unha innovación deste ano que permitirá que as persoas que empregan algunha plataforma de lectura electrónica poidan adquirir tamén o libro, a un prezo de 4,95 euros.

Ademais, este ano e en colaboración con Meubook, o público de Santiago(é)Tapas pode facer o seu Meubook(é)Tapas, un libro personalizado coas propias fotos do percorrido de cada un polas rutas e establecementos e con textos propios, a partir dunha maqueta básica e sinxela. Este libro tamén pode facerse a través de www.meubook.com.

Primeiro (é)tapasmóbil
As ferramentas electrónicas son cada vez máis empregadas e por iso este ano desenvolveuse unha aplicación de Santiago(é)Tapas para terminais móbiles. O mércores 25 celebrarase o primeiro (é)tapasmobil, un xogo que premiará ás tres persoas que máis cuños de establecementos participantes sumen ese día nos seus Tapasportes virtuais, que se poden descargar a través da web do concurso: www.santiagoetapas.com. Ata o momento xa se produciron 346 descargas da aplicación.

Para as persoas que teñan dúbidas sobre o uso da aplicación, habilitarase un servizo de atención telefónica na oficina do concurso na Praza de Galicia de 12:00 a 12:30 horas. Tamén está dispoñible o correo web@santiagoturismo.com.

Compartir: