CULTURA

Aldo Ciccolini clausura o III Ciclo de Piano Ángel Brage no Auditorio de Galicia

20/05/2011 O III Ciclo de Piano Ángel Brage chega ao seu fin o domingo 22 cun concerto do pianista Aldo Ciccolini. Este ciclo enmárcase dentro do Programa de Abono do Auditorio de Galicia, organizado pola Concellaría de Cultura. Anteriormente pasaron polo Auditorio de Galicia a xermano-xaponesa Alice Sara Ott e o ruso Arcadi Volodos. Ciccolini presenta un programa con obras de Fréderic Chopin e Franz Lizst.

Con máis de 80 anos, Aldo Ciccolini é un dos raros e grandes mestres do piano que percorre incansable o camiño dunha carreira mundial, fiel a toda unha vida posta ao servizo do movemento e a música. Académico de Santa Cecilia, oficial da Légion d'Honneur e de l'Ordre National du Mérite, comendador das Artes e Letras, premio Edison da Académie Charles Cros, premio da National Academy of Recordings Arts dos EUA, en tres ocasións Gran Prix du Disque en Francia e Medalla de Ouro á arte e a cultura concedida polo presidente da República italiana.

Inimigo das concesións ao gusto temporal, insensible á repercusión mediática, Ciccolini considera a arte musical como unha misión. A orixinalidade, a miúdo visionaria, do seu repertorio, e a súa máis íntima procura, impedíronlle durante longo tempo mostrar a súa interpretación dos grandes compositores. Dende hai moitos anos, concédese ao público e móstrase como un dos grandes mensaxeiros do xenio da música.

As entradas para o concerto están á venda en www.caixagalicia.es e no 902 434 443 e tamén se poden mercar a véspera e o mesmo día do concerto na billeteira do Auditorio de Galicia. O prezo é de 10 euros, cun desconto do 50% para xubilados e menores de 25 anos.

Compartir: