REHABILITACIÓN E CASCO HISTÓRICO

O Concello terá maior protagonismo nas actuacións de recuperación do Casco Histórico

21/02/2006 Mellorar as actuacións de recuperación do Casco Histórico é o principal obxectivo do protocolo de colaboración asinado polo o alcalde de Santiago e Presidente do Consorcio, X. Sánchez Bugallo, e o xerente deste último órgano, X.M. Villanueva Prieto.

Dende que o 28 de abril de 1992 se creou o Consorcio da cidade, é habitual a firma de convenios de colaboración entre as dúas institucións para garantir a coordinación nas súas actividades en materia de recuperación urbana. Segundo a concelleira delegada do Casco Histórico, Mercedes Rosón, "con este novo protocolo ábrese un novo marco de deliberación entre o Concello e o Consorcio, fixando mecanismos de coordeanción e xestión".

Co asinamento deste protocolo o Concello "liderará de xeito máis contundente as accións futuras de rehabilitación, fortalecendo o protagonismo municipal", engadeu Mercedes Rosón, especialmente o da Oficina municipal de rehabilitación posta en marcha hai agora perto dun ano.

Para reforzar esa cooperación o protocolo regula a creación de dúas comisións específicas, unha de asesoramento ao alcalde e Presidente do Consorcio e outra de carácter técnico e de coordinación.

Segundo detallou a concelleira do Casco Histórico, a comisión de asesoramento, "con carácter político", estará formada polos concelleiros con competencias sobre a Cidade Histórica, obras, turismo e o Xerente do Consorcio. O seu fin e asesorar ao alcalde e Presidente na formulación de propostas ao Consello de Administración do Consorcio. Esta comisión tamén realizará o seguimento e avaliación das actuacións en marcha.

"Elaborar propostas de actuacións e de aspectos técnicos na redacción de proxectos así como redactar unha memoria anual avaliando os proxectos acometidos", será, segundo explcicou Mercedes Rosón, a función da segunda das comisións, técnica de coordinación, formada por tres representantes do Concello e outros tres do Consorcio.

A colaboración entre ambos organismos tamén se amosa no compromiso adquirido polo Concello de nomear un técnico municipal que participará no grupo de traballo interno do Consorcio que anualmente proporá actuacións de restauración de monumentos. Esta cooperación esténdese ao programa de rehabilitación e mantemento de vivendas e locais comerciais sitos no Centro Histórico.

Como resultado deste protocolo, o Concello será o encargado de convocar as axudas á rehabilitación, recibir as solicitudes das mesmas e ocuparase da súa tramitación; autorizará licenzas e xestionará administrativamente os programas.

A concelleira anunciou que "o consorcio facilitará á Oficina Municipal do Centro e Rehabilitación o uso da planta baixa do Pazo de Vaamonde para que se instale o persoal necesario para a atención ao público e a xestión das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas"

Por outra banda, o Consorcio actuará como soporte técnico e financeiro destas actuacións incluíndo a aportación de recursos para asegurar a posta en marcha dos programas nos que participe. As dúas entidades, Concello e Consorcio, establecerán un procedemento para unificar criterios técnicos e estéticos nas súas intervencións.

A concelleira considera que este protocolo de colaboración entre as dúas insititucións "da un maior protagonismo á entidade municipal na contratación, adxudicación e control das actuación de rehabilitación do Casco Histórico".

Compartir: