EDUCACIÓN

O Concello de Santiago colabora coa Asociación de Celíacos de Galicia na divulgación da enfermidade

20/05/2011 A Concellería de Educación colabora coa Asociación de Celíacos de Galicia en dar a coñecer esta enfermidade. Así, e con motivo da celebración do Día Nacional do Celíaco o venres 27 de maio, realizarase unha campaña de divulgación nos colexios, co reparto de folletos informativos entre os alumnos de 6º de Primaria dos centros escolares da cidade. O Concello colabora tamén con outras iniciativas, como o concurso Santiago(é)Tapas ou unha campaña nos medios de comunicación.

"Por en coñecemento da sociedade a existencia desta enfermidade e camiñar cara a normalidade", son algúns dos obxectivos do Día Nacional do Celíaco, segundo indicou a concelleira de Educación, Mercedes Rosón. De aí a colaboración na divulgación educativa, que permitirá que chegue información sobre esta enfermidade celíaca a máis de 1.000 escolares de Santiago e comarca e ás súas familias.

Ademais desta campaña divulgativa, a Asociación de Celíacos de Galicia preparou outras actividades, que explicou a súa directora, Isabel Capdevila. O Concello colabora con outra delas a través do concurso Santiago(é)Tapas, que de desenvolve do 13 ao 29 de maio. Por segunda vez, os celíacos poden participar no certame, xa que dez dos establecementos participantes ofrecen ata doce tapas diferentes sen glute. Tamén o 27 de maio, neste caso coa colaboración da Concellería de Benestar Social, aparecerá no xornal El Correo Gallego unha inserción publicitaria sobre a enfermidade celíaca.

Mesas informativas e menús sen glute
A Asociación instalará mesas informativas na praza do Toural e na praza Roxa e algúns colexios, como o Compañía de María ou o Lamas de Abade, ofrecerán menús sen glute aos escolares do comedor. Igualmente, os alumnos do Centro Superior de Hostalería (A Barcia) e do CIFP Compostela elaborarán menús sen glute nesta xornada. Finalmente, repartiranse folletos nos centros Mercadona, grazas ao convenio que a Asociación asinou con esta empresa o 4 de maio.

Isabel Capdevila destacou a importancia deste Día Nacional do Celíaco para "saír á rúa e reivindicar os dereitos que ás veces non se nos ofrecen, e para dar a coñecer esta enfermidade, para moitos aínda descoñecida". Chamou a atención sobre as dificultades que provocan entre os celíacos o maior prezo que aínda teñen os seus produtos específicos. "A cesta da compra dun celíaco é 1.500 euros máis cara ao ano que a doutra persoa", indicou.

Na actualidade, a Asociación de Celíacos de Galicia conta cuns 2.050 asociados, dos que uns 400 pertencen á comarca de Santiago, aínda que resaltou que hai celíacos non asociados e outros moitos sen diagnosticar. Todos os asociados terán a súa festa anual ao día seguinte, o sábado 28 de maio.

Direccións relacionadas



Compartir: