MEDIO AMBIENTE

Aberto o prazo de inscrición no cursiño de introdución á xardinería de balcóns

18/05/2011 Co obxectivo de fomentar a participación no III Concurso de Balcóns na Cidade Histórica, Flores na Cidade, a Concellaría de Medio Ambiente, organiza un Cursiño de Introdución ao Cultivo de Plantas e Decoración de Balcóns. Terá lugar o xoves, 19 de maio, ás 19:00 horas, no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (Parque de Belvís).

Este cursiño intensivo, de dúas horas de duración, está dirixido a todas as persoas amantes da natureza e do medio ambiente, teñan ou non coñecementos previos, que estean interesadas en ampliar os seus coñecementos sobre o mundo da xardinería

O cursiño, impartido por Manuel Ángel Rodríguez Teijo (enxeñeiro agrónomo con máis de 30 anos de experiencia e director xerente do viveiro Hortival), xirará sobre as diferentes clases de plantas, solos, abonos e regos; as pragas e enfermidades máis comúns e o xeito de combatelas e os principios xerais de materiais e texturas para decorar un balcón.

O número de prazas é limitado, máximo de 40, e cubriranse por orde de inscrición.

As inscricións no cursiño poden formalizarse por correo electrónico, ciac@santiagodecompostela.gal, ou fax, 981 543 146.

O cursiño inclúe unha breve visita guiada ás instalacións do Centro de Interpretación Ambiental (Parque de Belvís), un novo espazo situado nas estruturas do antigo curtidoiro de San Nicolás do Sar, construído a finais do século XVIII polo industrial Manuel A. Huidobro e dedicado na actualidade á mellor comprensión da nosa cidade, do seu medio natural e da necesidade da súa preservación cara ás novas xeracións.

Compartir: