CONSORCIO

Fernando Buide e catro solistas da Real Filharmonía, protagonistas do cuarto concerto do Compostela Organum Festival

13/05/2011 A cuarta xornada do Compostela Organum Festival, organizado polo Consorcio da Cidade de Santiago, acolle o sábado 14, ás 20:30 horas, un concerto a cargo do organista e compositor compostelán Fernando Buide e catro solistas da Real Filharmonía de Galicia, na igrexa das Ánimas, recentemente restaurada.

Interpretarán un repertorio formado por pezas de Bach, Litaize, Erlebach e Alain. Durante a actuación estrearase a obra Fantasía sobre un tema de Buxtehude, baseada nunha sonata de Dietrich Buxtehude e escrita exclusivamente para esta ocasión por Buide.

Fernando Buide comezou os seus estudos no Conservatorio de Santiago de Compostela, continuou formándose en Estados Unidos, e graduouse en Yale. Estreou obras a nivel nacional e internacional, as cales foron interpretadas polas orquestras Sinfónica de Galicia, Sinfónica de Pittsburg, Yale e Real Filharmonía de Galicia.

Dende a súa primeira edición, os músicos da Real Filharmonía de Galicia participaron no Compostela Organum Festival. Por iso, acompañando a Buide, que tocará o órgano da igrexa das Ánimas, actuarán os violinistas Javier López e Enrique Roca, o violonchelista Carlos García Amigo e o contrabaixista Alfonso Morán.

Compartir: