DEPORTES

A Campamento Urbano "SantiaGO!" amplía datas e incorpora novas actividades

12/05/2011 Tras o éxito da primeira edición, este verán volve a poñerse en marcha o Campamento Urbano SantiaGO!, que combina a aprendizaxe do inglés co deporte. Nesta ocasión o programa amplíase tamén aos primeiros días de agosto. Ademais, haberá novas actividades deportivas e incorpóranse servizos como o de madrugadores ou o de comedor.

O concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, explicou que este campamento quere "conciliar a vida laboral dos pais coas actividades educativas e deportivas dos rapaces". Cualificou como "moi gratificante" a experiencia da primeira edición e de aí que se apostara por mellorar o programa. Así, destacou entre as novidades deportivas a posibilidade de levar os rapaces ás pistas de tenis e pádel de Sar e ao rocódromo de Fontiñas.

Pola súa parte, o director do Instituto Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, valorou a "aposta educativa" deste Campamento, que "non ten nada que envexar dos campamentos urbanos que se realizan no resto do Estado". De presentar o contido e as novidades do programa encargouse o coordinador do mesmo, Chichón Soares.

O campamento aumenta o seu número de prazas, de tal xeito que se ofrecerán unhas 75 prazas para educación infantil e unhas 150 para primaria e secundaria, susceptibles de ser incrementadas en función da demanda. Ademais, o campamento engade unha terceira quenda do 1 ao 12 de agosto, que se suma á comprendida entre o 27 de xuño e o 15 de xullo e á do 18 ao 29 de xullo. E se hai suficiente demanda, tamén haberá campamento na primeira quincena de setembro.

Madrugadores e comedor
En canto aos novos servizos, ofertarase un servizo de madrugadores, que lle permitirá aos pais deixar os nenos no Campamento ás oito da mañá e que estes reciban alí o almorzo. Se hai demanda tamén haberá un servizo de comedor, para que os rapaces poidan permanecer no Campamento ata as catro da tarde. Estes servizos terán un pequeno sobrecusto, que se determinará finalmente en función do número de inscritos.

A xornada tipo comezará coa acollida no IES Rosalía de Castro e cunha primeira quenda de actividades (inglés, deporte ou obradoiros) de 9:00 a 11:30 horas. Logo dun pequeno almorzo e recreo, desenvolverase a segunda quenda de actividades (inglés, deporte ou piscina).

Entre as actividades nas que participarán os rapaces figuran xogos, iniciación deportiva (baloncesto, fútbol sala, capoeira, hóckey, escalada...), piscina, obradoiros, animación do lecer, inglés e unha visita por quenda ao Aquapark de Cerceda. Para impartir todas estas disciplinas contarase cun grupo de experimentados monitores. O inglés é ensinado por persoal da Academia Piccadilly.

Matrícula
Os pais pagarán polas semanas que ocupen as quendas. Así, dúas semanas custarán 140 euros; tres, 180 euros; catro, 220 euros; cinco, 250 euros; e sete, 325 euros. Os irmáns terán descontos.

Para matricularse, os pais deben encher a ficha de inscrición electrónica que estará dispoñible nunha web propia a partir do 23 de maio, e aboar a contía da matrícula na conta disposta ao efecto. Nesta web explicarase todo o proceso. Ademais, antes de comezar as actividades, haberá unha reunión cos pais e nais dos nenos para explicar polo miúdo o contido do Campamento Urbano.

O Concello de Santiago colabora no Campamento Urbano SantiaGO! coa Fundación Educación e Deporte e o Instituto Rosalía de Castro, organizadores do mesmo. Máis información no correo electrónico fedesa@gmx.com.

Compartir: