CULTURA

Elena Furiase, Pablo Puyol, Jorge Sanz, Antonio Albella e José Sánchez chegan a Compostela con "Crime Perfecto"

13/05/2011 Elena Furiase, Pablo Puyol, Jorge Sanz, Antonio Albella e José Sánchez chegan a Compostela para representar Crime Perfecto, de Frederick Knott, dentro do ciclo Teatro en Xira. O espectáculo poderá verse no Auditorio de Galicia o sábado 14 de maio a partir das 21:00 horas. As entradas -a 15 euros, cun desconto do 50% para xubilados e menores de 25 anos- están á venda na billeteira virtual de Caixa Galicia.

Crime Perfecto é unha obra teatral do dramaturgo inglés Frederick Knott dirixida por Víctor Conde e protagonizada por Elena Furiase e Jorge Sanz. Esta obra foi estreada na BBC en 1952 e posteriormente nos escenarios londinenses e neoiorquinos, antes da realización da película, dous anos despois, con guión do propio Knott e dirixida por Alfred Hitchckok.

No argumento temos que Tony Wendice quere asasinar á súa esposa Margot para conseguir os seus cartos. Chantaxea a un antigo coñecido para que entre na casa na súa ausencia e estrangule a Margot cando esta reciba unha chamada telefónica. Pero o plan falla e é ela quen mata ao seu asasino. Ela pasa de ser vítima, a ser sospeitosa de asasinato.

Dentro do ciclo Teatro en Xira puidemos gozar xa de Razas, de David Mamet, texto que viña de triunfar en Broadway, e que chegou a Compostela adaptado e dirixido por Juan Carlos Rubio e protagonizado por Toni Cantó e Bernabé Rico; de A muller xusta, do dramaturgo Sandor Márai, adaptada por Eduardo Mendoza e posta en escena por Tanttaka Teatroa; e de A gata sobre o tellado de zinc quente, de Tennessee Williams, posta en escena por Teatre Lliure Grácia.

O ciclo continúa en outubro con outro dos directores máis reputados do teatro español, Ernesto Caballero, que chega a Compostela con A colmena científica ou o café de Negrín, de Teatro El Cruce, que recrea dende unha óptica actual a historia da Residencia de Estudiantes de Madrid. A aposta máis arriscada do ciclo queda para decembro, cando arribará Torvaldo furioso, dirixida polo vigués Lino Ferreira, de El Óbolo Producciones, unha compañía novel que se pode encadrar dentro da chamada "xeración La Abadía" de profesionais da escena que se formaron ao abeiro desta "casa do teatro" madrileña.

Compartir: