EDUCACIÓN

As escolas infantís de Conxo e Fontiñas abren a convocatoria para os seus obradoiros

10/05/2011 A Concellería de Educación pon en marcha os obradoiros das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas. Están destinados a nenos e nenas de tres a seis anos e desenvolveranse de luns a venres, de 16:00 a 20:00 horas, agás nos períodos vacacionais dos centros, nos que horario pasará a ser de mañá.

Estes obradoiros, ademais de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, buscan que os nenos e nenas se sensibilicen de forma divertida con diferentes disciplinas artísticas. Tamén fomentan a curiosidade, o traballo en equipo e o respecto e coidado cara o medio.

O traballo diario segue un esquema, que comeza por unha posta en común das experiencias do día e segue co primeiro obradoiro. Logo da merenda e de do xogo libre no patio, os pequenos participan na segunda parte do obradoiro, nunha sesión de animación á lectura e noutra de técnicas de relaxación. En todos os obradoiros trabállanse diferentes técnicas plásticas e expresivas.

Para o curso 2011-2012 están programados obradoiros de arte, cociña divertida, historia, pequeciencia e astronomía. Durante o verán impartiranse talleres de creación e manualidades e de deporte en equipo.

Tarifas e prazos de solicitude
A matrícula anual nestes obradoiros terá un custo de 75 euros, se ben se fixan tarifas segundo o número de tardes ao mes ou días soltos, ou se se utiliza o comedor ou o almorzo. Os obradoiros de verán, que se desenvolverán de 10:00 a 14:00 horas, terán un custo total de 125 euros.

Os interesados en participar nos obradoiros, tanto nos de verán como nos do curso 2011-2012, teñen xa aberto o prazo de matrícula. En concreto, os xa matriculados nas escolas de Conxo e Fontiñas poden entregar as súas solicitudes ata o 16 de maio. As listas de admitidos publicaranse o 18 de maio e ao día seguinte abrirase o prazo para novas solicitudes, ata o 26 de maio. O 31 de maio publicarase a listaxe de novos admitidos.

Documentos relacionados



Compartir: